Skip to main content

DivúlgaT 2022

"DivúlgaT" (antes "DivulgaTerra") é un evento de divulgación científica no cal investigadoras e investigadores do Campus presentan (nun máximo de 10 minutos, en galego e nun ton divulgativo) os seus ámbitos de traballo ou os proxectos concretos que están levando a cabo.

DivulgaT

2022.- Cambiamos para ser os mesmos.

Efectivamente, non hai ningún erro: neste 2022 caeunos parte do nome. Acurtámolo a DivúlgaT porque queremos poñer o foco neses "te", nas persoas que soben ao escenario para contar (cada ano mellor) o seu traballo e amosarnos por que é relevante para todas e todos nós.

Pero polo demais, somos os mesmos facendo o mesmo, así que poñemos en marcha a edición 2022 (7 anos xa!) sabendo que non cómpre unha explicación moi longa.

 

Cando é?

Os martes 22 e 29 de novembro, a partir das 19:30, na Casa do Saber (Praza Pío XII, Lugo). E como a asistencia é de balde, participes ou non, apúntao na túa axenda para ir como público.

 

Programa e Participantes

Programa da primeira sesión (22 de novembro, a partir das 19,30 h)

  • Os perigos da auga.
    Alejandro Cao Cancelas e Sandra Raposo García.
  • Morte na ría: o caso do berberecho da Arousa.
    Marina Pampín Iglesias.
  • Detección de marcas de resistencia a parasitos en ostra plana.
    Inés Martínez Sambade.
  • Pesos sentinela de canais de vacún sacrificados en matadoiro.
    Fernando Vázquez Miranda.
  • Que non che dean galego por francés!.
    Nicolás Mejuto Vázquez.
  • Anatomía do pracer.
    Irene Ortiz Leal.
  • Zombis, enfermidades e cairomonas.
    Pablo Sánchez Quinteiro.
  • Gatos, embarazadas e ratos zombis.
    David García Dios.

Programa da segunda sesión (29 de novembro, a partir das 19,30 h)

  • Amor a primeira vista! 
    Nerea Gandoy Fieiras.
  • E ti de quen vés sendo?, dille o xenetista á troita. 
    Adrián Casanova Chiclana.
  • Migrantes, audiovisuais e redes. 
    Daniel Manuel Vázquez Vila.
  • Incendios forestais e herbivorismo pírico. 
    María Rosa Mosquera Losada.
  • As árbores non poden correr, pero si adiantar a hora. 
    Gonzalo Pérez de Lis Castro.
  • A saúde comeza no intestino.
    Ana Paula Losada García.
  • Os inimigos microscópicos: un taller na Noite Galega das Persoas Investigadoras. 
    María Almudena Graña Pena.
  • Unha vaca moi intelixente. 
    Uxía Yáñez Ramil.

Un evento que quere amosar o traballo das investigadoras e investigadores deste campus, e potenciar o galego como lingua de comunicación e de divulgación científica. A través de charlas divulgativas duns 10 minutos de duración vannos contar algún aspecto do seu campo de investigación ou dun dos traballos que están a levar a cabo.

Igual ca en anos anteriores, inscribirse dá dereito a asistir gratuitamente a un obradoiro de divulgación científica, impartido por Andrea Muras, finalista da edición 2019 do concurso FameLab España.

A participación en DivúlgaT e mais a asistencia ao obradoiro formativo van ser recoñecidas cun diploma, expedido pola Vicerreitoría de Organización Académica e do Campus de Lugo e polo Servizo de Normalización Lingüística.

Tamén se vai a editar un libro de resumos que recolla os aspectos máis destacados de todas as intervencións das e dos participantes.

The contents of this page were updated on 09.22.2023.