Skip to main content

Celebrado o sétimo Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países e Comunidades de Lingua Portuguesa e Galiza

Integrantes do grupo SEPA-Interea
Integrantes do grupo SEPA-Interea, durante a súa participación no congreso
O grupo SEPA-Interea participou na comisión científica e promoveu a organización dun curso así como diversas comunicacións no panel dedicado á educación ambiental antes os límites planetarios e os desafíos globais

A USC estivo representada no sétimo Congreso Internacional de Educação Ambiental dos Países e Comunidades de Lingua Portuguesa e Galiza, encontro no que, co lema ‘A educación ambiental a chave para a sustentabilidade’, se deron cita en Mozambique axentes institucionais ligados a ministerios, secretarías e consellarías de medio ambiente e educación dos países participantes, así como de organizacións non gobernamentais vinculadas á conservación da natureza e ao ecoloxismo, xunto con universidades e organismos de investigación no eido da educación ambiental. Este é un encontro de carácter bienal cuxa primeira edición se celebrou en Santiago de Compostela en 2007 organizado pola USC, CEIDA e a Universidade da Coruña.

O grupo SEPA-Interea, a través do proxecto Resclima e da súa pertenza á Rede Lusófona de Educação Ambiental (RedeLuso), participou na comisión científica do Congreso onde ademais tivo presenza nun dos paneis do programa e organizou un mini curso. Concretamente, persoal investigador do grupo realizou achegas no apartado dedicado á educación ambiental ante os límites do planeta e os desafíos globais. Ademais, o grupo foi responsable da coordinación dun curso sobre ‘Descolonización e diálogo de saberes en educación ambiental’.

Dende os inicios da organización deste congreso, este grupo da USC atópase fortemente implicado na dinamización da Rede Lusófona de Educação Ambiental (RedeLuso). De feito, dous integrantes do grupo, Kylyan Marc Bisquert i Pérez, coordinador da Comisión Científica da presente edición do congreso, e Lucía Iglesias da Cunha acaban de incorporarse como representantes de Galicia na coordinación da rede, para promover e intensificar a colaboración cos axentes da educación ambiental que actúan nas comunidades de lingua portuguesa, impulsando iniciativas encamiñadas a instituír políticas públicas adaptadas ás particularidades e necesidades dos diferentes contextos para atender as emerxencias socio ambientais.

 

The contents of this page were updated on 07.24.2023.