A USC reforza o seu compromiso social coa apertura de liñas de cooperación internacional para alumnado dunha ducia de países
O reitor da USC, Antonio López Díaz, recibiu este mércores 15 os beneficiarios e beneficiarias de axudas de cooperación internacional na institución compostelá. O obxectivo deste encontro era contribuír á difusión e visibilización entre a comunidade universitaria e a sociedade das políticas desenvolvidas pola USC no ámbito da cooperación internacional para amosar o seu compromiso neste eido. Este tipo de cooperación articúlase a través do Programa de Axuda a Persoas Refuxiadas, promovido pola USC, do programa Mulleres por África e da Fundación Carolina. No acto participaron preto dunha vintena de mozos e mozas procedentes dunha ducia de países.
Ademais do reitor, no evento tomaron parte a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, a coordinadora do mestrado en Tecnoloxías en Márketing e Comunicación Política, Erika Jaráiz Gulías, en representación dos responsables académicos, e o estudante afgano de doutoramento na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Ali Kosha, en nome do alumnado beneficiario destes programas.
María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización subliñou que “de cara ao futuro confiamos en poder manter e, se é posible, ampliar estas actuacións que son unha proba palpable do compromiso social que caracteriza á USC”. Nesta liña está previsto desenvolver dúas novas accións neste ámbito. “En primeiro lugar, abrirase un fondo de micromecenado, que permitirá a toda a comunidade universitaria contribuír ao mantemento do Programa de Axudas a Persoas Refuxiadas. Por outra banda, está contemplada a incorporación a un grupo de traballo de apoio/servizo para refuxiados académicos no marco da alianza EUniWell á que a USC se uniu o pasado mes de decembro”, indicou López Couso.
O reitor Antonio López destacou que “na USC estamos fachendosos de tervos aquí como universiade pública que loita pola igualdade de oportunidades. Tradicionalmente estes programas eran máis reducidos en número de prazas, pero a realidade máis próxima xerou unha situación ante a que se esixe máis compromiso a raíz da guerra en Ucraína por Rusia. No presente curso académico as bolsas aumentaron significativamente, pasando de dúas a once”. López engadiu que “a USC está a traballar no deseño dun programa de atención máis inmediata para dar resposta ao caso dalgunha persoa que estea nunha situación excepcional que xurda fóra dos prazos da convocatoria con carácter anual das axudas”.
Erika Jaráiz Gulías, coordinadora do mestrado en Tecnoloxías en Márketing e Comunicación Política, relatou á súa experiencia como integrante dun grupo que se desprazou hai un ano á fronteira de Polonia con Ucraína para traer a Compostela a un grupo de 40 refuxiados. “A universidade non é so un espazo de investigación e docencia, debe velar polo valor da integración e inclusión”, engadiu Jaráiz.
Ali Kosha, estudante afgano de doutoramento na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, en representación do alumnado beneficiario agradeceu a “xenerosa hospitalidade da USC polo apoio, solidariedade e xenerosidade que nos ten brindado a na busca de educación e seguridade”.
Programa de Axudas a Persoas Refuxiadas
En 2015, as Universidades españolas, no seo da Asemblea Xeral da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) acordaron facilitar a recepción e acollida de estudantado universitario refuxiado en forma de colaboración directa ou a través de accións de voluntariado ou colaboración con outras administracións e axentes. Dende o curso 2016/2017 a USC promove, actualmente a través da vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, o Programa de Axudas para Persoas Refuxiadas de 12 meses de duración para estudantes de grao, mestrado e doutoramento con estatuto de refuxiado en España, de protección temporal ou persoas residentes en países en conflito. As bolsas concedidas proporciónanlles aos beneficiarios cobertura total dos gastos de matrícula para o presente curso académico, unha asignación mensual para gastos de mantenza, aloxamento gratuíto no Sistema Universitario de Residencias da USC e o financiamento de dous cursos semestrais de español ou galego no Centro de Linguas Modernas. Actualmente 11 alumnos e alumnas procedentes de países como Ucraína, Palestina, Afganistán, Irán ou Siria son beneficiarios e beneficiarias destas bolsas.
Mujeres por África
A Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización promove a través do programa Mujeres por África a acollida de bolseiras procedentes de países africanos para a realización de estudos de mestrado na USC. Estas bolseiras foron seleccionadas no marco do convenio asinado en 2017 entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Mujeres por África, entidade que a través do seu programa Learn Africa ofrece cada ano bolsas destinadas á capacitación de estudantes africanas mediante o establecemento de acordos de cooperación coas universidades españolas que desexen colaborar neste proxecto, entre elas a Universidade de Santiago de Compostela. No presente curso académico tres alumnas de Gambia, Tunisia e Nixeria están a cursar estudos na institución compostelá.
As axudas concedidas proporciónanlles ás beneficiarias cobertura total dos gastos de matrícula para o presente curso académico, unha asignación mensual para gastos de mantenza, aloxamento gratuíto no Sistema Universitario de Residencias da USC e o financiamento dun curso semestral de español no Centro de Linguas Modernas.
Fundación Carolina
A USC e a Fundación Carolina asinaron un convenio no ano 2007 para estudos de mestrado e doutoramento de graduados procedentes dun país membro da Comunidade Iberoamericana de Nacións e Portugal. A Fundación Carolina asume unha asignación mensual, os billetes de avión de ida e volta e o seguro médico. Pola súa banda a USC asume o aloxamento gratuíto no Sistema Universitario de Residencias da USC. Actualmente cinco estudantes están a estudar na USC ao abeiro deste programa.