O catedrático Jesús Salgado obtén o Premio Nacional de Psicoloxía ‘José Luis Pinillos’
O profesor Jesús Salgado, catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC, foi distinguido este venres 16 co Premio Nacional de Psicoloxía ‘José Luis Pinillos’, promovido pola Academia de Psicoloxía de España, polo Consello Xeral da Psicoloxía de España, pola Conferencia de Decanos de Psicoloxía das Universidades españolas e a Federación Iberoamericana de Agrupacións e Colexios de Psicoloxía (FIAP). Trátase do recoñecemento máis importante que se concede na contorna estatal a un psicólogo pola súa investigación e pola súa traxectoria académica e profesional. “Recíboo como unha alta honra e síntome especialmente afagado por recibir este recoñecemento. Para min, este premio ten un significado especial, tanto pola relevancia do mesmo, como por levar o nome do ilustre psicólogo José Luís Pinillos, Premio Príncipe de Asturias e membro da Real Academia Española”, explicou o profesor Salgado.
Con este galardón, prémiase a excelencia e innovación na investigación psicolóxica, e “aínda que é un recoñecemento á miña persoa, sinto que tamén se fai un recoñecemento aos membros do meu grupo de investigación e da miña área de coñecemento e tamén á nosa universidade, a USC, que permitiu e apoiou, de múltiples formas, que dita investigación puidese levarse a cabo”, apunta o catedrático. O premio outorgouse no marco da IX Xornada de Excelencia e Innovación en Psicoloxía, celebrada na sede do Colexio en Madrid. Na mesma categoría, foi premiado Enrique García Huete, psicólogo e especialista en Psicoloxía Clínica, así como especialista europeo en Psicoterapia.
Traxectoria
Jesús Fernando Salgado Velo é coordinador do Programa Interuniversitario de Doutoramento en Relacións Laborais e Recursos Humanos na Facultade de Relacións Laborais da USC, onde lidera o grupo de investigación en Recursos Humanos e Rendemento, recoñecido pola Xunta de Galicia como grupo de excelencia competitiva. Entre outros recoñecementos, é Fellow da Society for Industrial and Organizational Psychology (SIOP) e Fellow da International Association of Applied Psychology (IAAP), alén de recibir o Golden Page Award de Emerald (Reino Unido), a Citation of Excellence de ANBAR electronic Intelligence (Reino Unido) e o accésit ao I Premio de Innovación Educativa na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente dirixe o Journal of Work and Organizational Psychology e anteriormente foi director do International Journal of Selection and Assessment. É membro do Editorial Board de máis de 10 revistas científicas internacionais.
Pola súa investigación, foi incluído por terceiro ano consecutivo entre o 2% dos científicos máis destacados do mundo segundo a clasificación elaborada pola Stanford University. De acordo coa base de datos Google Scholar, a súa investigación foi citada máis de 17.700 veces e actualmente o seu índice H é 50. Segundo a base de datos Researchgate, os seus traballos de investigación acumulan máis de 230.000 lecturas. Dirixiu máis de 60 proxectos e contratos de investigación e captou máis de 1,5 millóns de euros para investigación. Escribiu 300 traballos de investigación, que inclúen libros, capítulos de libros, artigos en revistas científicas, technical reports e relatorios en congresos e foi director de trece teses de doutoramento.
Salgado actuou tamén como profesor visitante no Goldsmith College-University of London, Universidade do País Vasco, Universidade de Sevilla, Universidade de Valencia, Universidade de Córdoba, Universidade Pablo de Olavide, Universidade da Lagoa, Universidade Autónoma de Barcelona. Foi External Examiner para a University of Oklahoma (USA), London School of Economics and Political Science (UK), Netanya University (Israel); University of Queensland (Australia), University of Edinburg (Reino Unido e University of Luxemburg.
Igualmente foi avaliador internacional de proxectos de investigación para o Social Sciences and Humanities Research Council do Government of Canada, para a European Research Foundation (ERF) da European Union, para o Programa Ramón e Cajal do Ministerio de Investigación e Innovación e para o Programa ICREA do Sistema de Investigación Catalán.
Temas de investigación
Os seus principais temas de investigación inclúen a predición do desempeño no traballo a través de variables de diferenzas individuais, o uso de ferramentas psicolóxicas nos procesos de selección de persoal e o estudo de factores determinantes do benestar no traballo. Tamén desenvolveu investigacións cros-culturais, empregando evidencia empírica obtida en organizacións laborais dos cinco continentes. Algúns dos seus artigos metodolóxicos foron empregados en investigacións de disciplinas tan dispares como nutrición, epidemioloxía, criminoloxía, cambio climático, bioloxía termal, oftalmoloxía, lingüística, pediatría, tráfico e seguridade viaria e investigación sobre a enfermidade de Alzheimer.