Skip to main content

Jean-Pierre Sauvage falará este xoves na súa conferencia das máquinas moleculares, o que o levou a conseguir o Premio Nobel de Química en 2016

Foto: Santi Alvite
Foto: Santi Alvite
O relatorio, de entrada libre e con tradución simultánea, será este xoves ás 20.00 horas no Auditorio ABANCA

O Premio Nobel de Química en 2016, Jean Pierre-Sauvage, pronunciará este xoves 29 unha conferencia sobre máquinas moleculares en bioloxía e en química. Precisamente foi ese o traballo polo que conseguiu o premio da Academia xunto con Sir J. Fraser Stoddart e Ben Feringa , unha investigación que abriu o camiño para a revolución nanotecnolóxica. O relatorio, de entrada libre e con tradución simultánea, será ás 20.00 horas no Auditorio ABANCA.

O acto enmárcase nas actividades do Programa ConCiencia da USC e o Consorcio de Santiago de Compostela, e conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Jean-Pierre Sauvage, profesor e investigador na Universidade de Estrasburgo (Francia), completou o seu doutoramento na Universidade Louis-Pasteur en Estrasburgo en 1971 baixo a supervisión de Jean-Marie Lehn, describindo as primeiras síntese de criptos, que son moléculas bi e policíclicas sintéticas que se unen a un átomo de metal central. Foi profesor en Estrasburgo de 1981 ata 1984 e director de investigación no CNRS de 1979 a 2009, cando se converteu en director emérito.

Un campo con moito futuro Savage, un dos pioneiros da química supramolecular, publicou en 1983 a primeira síntese eficiente das moléculas cíclicas entrelazadas denominadas "catenanos". Estas moléculas foron a base dunha das primeiras máquinas moleculares nas que o movemento dos aneis de catenano foi controlado a través de medios electroquímicos e fotoquímicos. Seguindo enfoques similares, o seu grupo produciu en 2000 unha estrutura de rotaxano que pode estenderse e contraerse como un filamento muscular. A súa outra investigación inclúe a modelización do centro de reacción fotosintético e a redución do CO2 por medios electroquímicos.

O Premio Nobel tivo esta mañá un encontro cos medios de comunicación no que estivo acompañado do catedrático de Electromagnetismo e coordinador de ConCiencia, Jorge Mira, e do catedrático de Química Orgánica José Luis Mascareñas, ambos os dous da USC. Este último salientou do científico francés o seu traballo pioneiro no descubrimento de maneira artificial de máquinas moleculares “ cando todo o noso corpo, a nosa natureza, está cheo delas”. A súa investigación é en si mesma, dixo, “unha revolución polas moitísimas aplicacións que van poder ter”.

No encontro cos medios, Sauvage recalcou que traballa en ciencia básica, “que é a orixe de todo: da medicina, das novas tecnoloxías; en definitiva, de todo aquilo que nos proporciona un maior benestar”. A investigación en máquinas moleculares está comezando, explicou, “e así como hoxe poden verse poucas aplicacións estou seguro de que no futuro será esencial, por exemplo, no campo do procesado e almacenamento de información e na nanomedicina”.

O profesor Sauvage asinou no libro de honra en presenza do reitor Antonio López, o vicerreitor Víctor Arce e o profesor Mascareñas. Foto: Santi Alvite De esquerda a dereita, Jorge Mira, Jean-Pierre Sauvage e José Luis Mascareñas. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 08.20.2021.