Tamén poderán presentar queixas e efectuar consultas persoas que, aínda non pertencendo á comunidade universitaria, teñan relación e intereses lexítimos na Universidade de Santiago de Compostela.
Como presentar unha queixa?
- As queixas, tanto individuais como colectivas, formularanse por escrito e poden presentarse persoalmente na oficia do valedor ou enviarse por correo postal, electrónico, a través do formulario da páxina web ou mesmo de calquera rexistro da Universidade.
- O escrito indicará: nome e apelidos, domicilio, número de teléfono, vinculación coa Universidade de Santiago de Compostela e os motivos nos que se fundamenta a queixa.
- Quedan excluídas todas as materias que estean sometidas a procesos xudiciais ou a un expediente administrativo sancionador e os asuntos privados entre particulares.
- Na queixa explicaranse de xeito claro as razóns nas que se fundamenta e as xestións relacionadas realizadas con anterioridade. Acompañarase dunha copia dos documentos que teñan relación coa mesma.
- Todas as queixas serán tratadas coa debida reserva e confidencialidade.
Cómo se tramita a queixa?
- Recibida unha queixa, no prazo máximo de quince días darase contestación motivada sobre a súa admisión ou non a trámite.
- Admitida a queixa, o valedor promoverá a oportuna investigación para o esclarecemento dos feitos que a motivaron solicitando os informes que considere oportunos.
- O procedemento remata mediante un ditame ou informe no que amosará o seu parecer sobre a queixa, facendo as recomendacións que considere pertinentes.
- Todas as queixas son recollidas nun informe anual que se presenta ante o Claustro Universitario.