Skip to main content

O Ibader impulsa unha plataforma galaico lusa sobre benestar animal centrada en áreas de formación, docencia e investigación

Participantes na sesión constitutiva da Plataforma de Benestar Animal impulsada desde o Ibader da USC
Participantes na sesión constitutiva da Plataforma de Benestar Animal impulsada desde o Ibader da USC
A vicerreitora Montserrat Valcárcel, salienta que a estrutura interuniversitaria sitúa o campus de Lugo á cabeza da transferencia de coñecemento sobre un tema universal

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC impulsa en colaboración con universidades lusas a constitución dunha plataforma de benestar animal, cuxa actividade pivotará sobre a formación, docencia e investigación no ámbito do benestar animal, “un tema de carácter universal que sitúa de novo o Campus Terra da USC á vangarda na transferencia de coñecemento”, segundo salientou a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo.

Montserrat Valcárcel realizou estas declaración na sesión previa á constitución da futura plataforma de benestar animal, un acto que congregou este xoves na sede do Ibader, encravada na sede universitaria luguesa, a investigadores e docentes universitarios, entres os que figura o profesor da área de Fisioloxía e vicerreitor de Estudantes e Internacionalización da USC, así como a representantes do Centro Tecnolóxico da Carne e mesmo da Xunta de Galicia.

A posta en marcha desta nova plataforma sobre benestar animal impulsada desde o Ibader permitirá dar continuidade de xeito coordinado ao traballo que veñen desenvolvendo desde hai anos tanto o Ibader como as demais universidades e institucións promotoras, segundo indicou o secretario do Ibader, Antonio Iglesias Becerra.

O tamén profesor da Área de Produción Animal da USC na Facultade de Veterinaria referiuse tamén a pertinencia da creación desta nova plataforma interuniversitaria debido á existencia dunha normativa europea ao respecto que “hai que cumprir e que contempla non poucas esixencias”. Iglesias Becerra sinalou asemade que a nova estrutura interuniversitaria servirá tamén para favorecer a converxencia de universidades, produtores e empresas respecto do benestar animal.

A participación de tres institucións académicas lusas neste nova entidade, tal e como é o caso das universidades de Porto, Tras Os Montes e Alto Douro e do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, é froito da colaboración que manteñen neste eido desde hai tempo, pero tamén responde ao feito de que a rexión de Galicia e Norte de Portugal presenta moitas semellanzas respecto das particularidades da súa cabana gandeira.

Alén de promover e alentar esta plataforma galaico lusa de benestar animal, o Ibader apoiou o comezo da andadura deste novo órgano interuniversitario coa celebración dunhas xornadas técnicas de I+D+i centradas no benestar animal e abertas á participación de agricultores e gandeiros.

Esta xornada de formación e divulgación, financiada con fondos da Deputación Provincial de Lugo, desenvolveuse en quenda de tarde nas instalacións do Ibader. A programa da xornada, estruturada en relatorios e mesas de debate, comezou cunha intervención de Anna Olsson, da Universidade de Porto, que falou sobre os métodos interdisciplinares no estudo do benestar animal. De seguido, Joaquim Lima Cerqueira e José Pedro Araújo, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, afondaron respecto das normas de benestar animal na produción de leite, así como sobre a percepción que os consumidores teñen sobre o benestar animal.

O benestar en animais de produción centrou a intervención de Severiano Silva, da Universidade de Tras Os Montes Alto Douro, mentres que Jesús Cantalapiedra, en representación da Xunta de Galicia, pechou a quenda de intervencións cun relatorio no que abordou a normativa vixente en España sobre benestar animal. O programa da xornada rematou cun debate aberto sobre benestar animal.

The contents of this page were updated on 12.13.2018.