Skip to main content

A Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica recibe máis de 120 comunicacións científicas na súa edición número 23

Imaxe da plataforma web na que se desenvolve a ECSOC 23
Imaxe da plataforma web na que se desenvolve a ECSOC 23
A ECSOC 23 conecta en rede ata mediados de decembro a centos de investigadores de todo o mundo, sinala o grupo de investigación Novas Metodoloxías Sintéticas da USC
Lugo, Santiago de Compostela

A vixésima terceira edición da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica (ECSOC-23), un congreso virtual promovido polo grupo de investigación Novas Metodoloxías Sintéticas (SWT) do Campus Terra da USC, integrado polos profesores do Departamento de Química Orgánica da USC na Facultade de Ciencias Julio A. Seijas Vázquez e Pilar Vázquez Tato, recibiu nesta ocasión máis de 120 comunicacións científicas de investigadores procedentes de países de todo o mundo, uns estudos que serán obxecto de debate e análise nos distintos foros virtuais que se desenvolverán ata o vindeiro 15 de decembro.

O catedrático do Departamento de Química Orgánica da USC e principal impulsor desta conferencia electrónica, pioneira entre as do seu xénero, ademais de presidente do comité científico do mesmo, Julio A. Seijas, subliñou a calidade das comunicacións que ano tras ano se presentan a debate e que logo permanecen accesibles en repositorios de referencia internacional. Asemade, logo de remarcar que a valía das achegas científicas tamén está acreditada polo labor que desenvolven os membros do comité científico internacional, formado por expertos de máis dunha vintena de países, Seijas fixo fincapé en que o esquema de desenvolvemento da ECSOC, o congreso virtual que conta cunha traxectoria temporal máis ampla, representa a arquitectura formal do que deberían ser os congresos científicos do século XXI.

Do mesmo xeito que nos últimos tres lustros, desde a sexta edición celebrada en 2002, a USC participa na organización da Conferencia Electrónica de Química de Síntese Orgánica con MDPI (Basel, Suíza). Nesta ocasión, os promotores da ECSOC-23 contan, entre outros, co respaldo da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo e, entre outros, a empresa con sede en Lugo AMSLab. A dispoñibilidade destes patrocinadores posibilitan que a inscrición e participación neste congreso en liña sexan gratuítas para todos os investigadores e investigadoras, subliña Seijas.

As distintas sesións de debate e análise programados no marco desta conferencia internacional desenvólvese de xeito virtual desde o 15 de novembro ata o 15 de decembro a través do espazo web do congreso. Durante estes 30 días, os químicos e investigadores de países de todo o mundo interesados na temática que aborda a ECSOC 23, teñen unha boa oportunidade para intercambiar e compartir traballos sobre macromoléculas, polímeros, líquidos iónicos, química computacional, síntese iónica por microondas...

The contents of this page were updated on 12.04.2019.