O reitor inaugura o luns na USC o principal foro internacional de intercambio de experiencias sobre o desenvolvemento da tecnoloxía de redes neuronais/non lineais celulares
O principal foro internacional de intercambio de ideas e experiencias sobre o desenvolvemento da tecnoloxía de redes neuronais/non lineais celulares (CNN) celebrarase dende o vindeiro luns 14 e ata o día 17 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago onde se vai desenvolver o 11º Workshop on Cellular Neural Networks and their Applications (CNNA2008). Trátase da undécima edición dun congreso que se iniciou en Budapest en 1990 e que logo tivo continuidade en Munich, Roma, Sevilla, Londres, Catania, Frankfurt, Budapest, Hsinchu e Estambul.
O reitor da USC, Senén Barro, presidirá a inauguración oficial deste encontro nun acto previsto para as 9:00 horas. Deseguido, o profesor da Universidade de Berkeley e doutor honoris causa da USC, Leon O. Chua, pronunciará a primeira das conferencias plenarias da xornada, co título ‘Memristor: 37 years later’.
Leo O. Chua demostrou xa en 1971 a necesidade da existencia dun cuarto elemento nos circuítos eléctricos. Deste xeito, á resistencia, condesador e á bobina, Chua engadía o memristor, denominación que xurde de unir as palabras ‘memory’ e ‘resistor’. A memresistencia funciona como unha resistencia con memoria o que abre a posibilidade de desenvolver chips de memoria moito máis compactos que os actuais e polo tanto de maior capacidade. Ao tratarse de dispositivos que poden almacenar máis alá de dous estados binarios, representa un ingrediente moi atractivo para o desenvolvemento de modelos de computación bioinspirados.
Aínda que a hipótese formulada polo profesor Chua podería considerarse intachable dende o punto de vista teórico, a súa aceptación práctica demorouse durante máis de tres décadas. Neste senso, a súa constatación deu un importante progreso co desenvolvemento das escalas nanométricas, xa que a memresistencia aumenta notablemente coa diminución das dimensións dos dispositivos. Ademais, recentemente investigadores de HP publicaron a fabricación dun dispositivo nanoeléctrico con propiedades de memresistencia.
Redes neuronais/non lineaisAs redes neuronais/non lineais celulares foron propostas en 1988 como procesadores dinámicos analóxicos para resolver todos os problemas computacionais que se podan formular en termos de interaccións locais entre sinais distribuídas nunha estrutura regular. Na actualidade, as CNN representan un paradigma para a dinámica espazo-temporal non lineal e a base da computación celular, coñecida como computación de ondas activas ou simplemente tecnoloxía CNN.
No ámbito das tecnoloxías emerxentes e máis concretamente no rango da escala nanométrica a nivel de integración, as arquitecturas e os computadores celulares encamíñanse cara as nano-giga escalas (“nano” no relativo á integración e “giga“ dende o punto de vista da aplicación). No CNNA2008 presentaranse os últimos resultados e a exploración de direccións futuras no desenvolvemento desta tecnoloxía e as súas aplicacións. A organización corre a cargo dos profesores David López Vilariño, Diego Cabello Ferrer e Víctor M. Brea Sánchez do Departamento de Electrónica e Computación da USC.
O programa técnico inclúe sesións plenarias, técnicas, sesións de demostración e mesas redondas, nas que participarán destacados especialistas como Leon O. Chua, Tamás Roska, Ángel Rodríguez Vázquez, Wolfgang Porod, Botond Roska, Chai-Wah Wu ou Pinaki Mazumder, entre outros. Para acadar máis información, as persoas interesadas teñen á súa disposición a páxina web http://www.gva.dec.usc.es/cnna2008/index.php