O profesor da USC José Edelstein, premio de comunicación científica da FECYT
O profesor da Facultade de Física da USC José Edelstein Glaubach acaba de recibir o Premio de Comunicación Científica da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) na categoría de prensa escrita profesional. O xurado valorou do traballo de Edelstein ‘Antimateria, magia y poesía’ o seu achegamento a aspectos científicos, o seu valor educativo, estilo interesante “e un enfoque e orixinalidade extremos”. O certame, posto en marcha pola Fundación en 2011 con motivo do seu décimo aniversario, busca fomentar a comunicación e a divulgación científica mediante o recoñecemento daqueles traballos xornalísticos, divulgativos e didácticos cuxo fin sexa a comunicación da ciencia en xeral e dos logros científicos de persoal investigador español en particular. A esta segunda edición presentáronse 271 candidaturas. O xurado estivo formado por Vladimir de Semir, profesor de Periodismo Científico e director do Centro de Investigación do Observatorio da Comunicación Científica da Universitat Pompeu Fabra; Antonio Calvo Roy, xornalista científico e presidente da xunta directiva da Asociación Española de Comunicación Científica; Pedro Cáceres, xornalista científico gañador en 2011 do premio na categoría Prensa escrita; Federico Mayor Menéndez, presidente da Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular; David Miño, de Elsevier; Ramón Nuñez, director do Museo Nacional de Ciencia e Tecnología; Gonzalo Remiro, do Departamento de Cultura Científica e da Innovación da FECYT; Esperanza García, xornalista científica e coordinadora do Servizo de Información e Noticias Científicas (SINC); e José Ignacio Fernández Vera, director xeral da FECYT.