Skip to main content

A USC recoñece o esforzo do Seminario Mulleres e Universidade no Día Internacional das Mulleres

Monserrat Nogueira recibiu de mans do reitor o recoñecemento ao Seminario Mulleres e Universidade
Monserrat Nogueira recibiu de mans do reitor o recoñecemento ao Seminario Mulleres e Universidade
Debateu en Fonseca sobre a igualdade entre homes e mulleres

A traxectoria do Seminario Mulleres e Universidade da USC (SMU) en prol da igualdade de oportunidades foi premiada este mércores pola institución cunha placa con mención honorífica. Este recoñecemento formaba parte da conmemoración do Día Internacional das Mulleres na USC, que se adiantaba un día á efeméride que en 1977 a ONU fixo oficial para conmemorar os Dereitos da Muller e a Paz Internacional.

Foi o reitor Juan Casares quen lle entregou este recoñecemento no Colexio de Fonseca á catedrática do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular, Montserrat Nogueira Álvarez, en presenza dun nutrido grupo de persoas e acompañado, na mesa so Salón Nobre de Fonseca, pola vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo; o preseidente do Consello Social, Manuel Puga; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galícia, Susana López Abella, e a concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego do Concello de Santiago de Compostela, Paula Prado Del Río.

Na súa intervención o reitor lembrou como ata 1910 non se permitía o libre acceso das mulleres á universidade en igualdade de condicións que os homes. E aínda que hoxe na USC a maioría do alumnado está constituído por mulleres esta tendencia “invértese en canto imos ascendendo de categoría na carreira académica”.

Para tentar mellorar este nesgo de xénero, común a todas as universidades do estado español, xorden plans de igualdade “como o da USC”, explicou Casares, que entre as súas accións contempla o recoñecemento que hoxe se lle fixo ao SMU, nacido en 2003 co ánimo de promocionar a igualdade entre homes e mulleres en todos os niveis de actuación da Universidade compostelá, impulsando a creación de políticas universitarias que fomenten unha igual e real participación e representación en todos os ámbitos da toma de decisións.

A vicerreitora responsable dos programas de calidade na USC, Benita Silva, dixo que a de Santiago de Compostela foi das primeiras Universidades de España en crear a Oficina de Igualdade para desenvolver accións que contribúan á igualdade efectiva entre homes e mulleres. Destacou os avances neste senso producidos nos últimos anos, pero recoñeceu que "aínda falta camiño por andar”.

No acto, a encargada de recoller a mención honorífica ao Seminario Mulleres e Universidade da USC, a profesora Monserrat Nogueira dixo que a Universidade, “polo que ten de excelencia”, debe funcionar como referente sinalado na engrenaxe social “non só no que a docencia, investigación e compromiso ético se refire, senón tamén na dos valores da nosa sociedade”. “Non podemos nin debemos resignarnos a que na Universidade a presenza feminina nos órganos de goberno continúe manténdose nos niveis de mero compromiso político ou estético como ata agora”, denunciou.

Partindo destas premisas, e como introdución ao debate que a continuación tivo lugar, a profesora Nogueira preguntábase “por que nos atopamos as mulleres nesta situación de falla de igualdade e por que non houbo unha aposta clara por un traballo serio para que puideramos vivir unha vida digna e igualitaria en dereitos”.

A secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galícia, Susana López Abella, e a concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego do Concello de Santiago de Compostela, Paula Prado Del Río tamén fixeron uso da palabra. As dúas agradeceron á Universidade a organización do acto e as dúas se mostraron partidarias de traballar dende todos os ámbitos para conseguir a igualdade real, na que “as mulleres non somos un colectivo, se non un piar fundamental da nosa sociedade”.

A igualdade a debate

O acto académico-social tivo unha segunda parte, cunha mesa redonda centrada na igualdade, na que participaron catro homes, o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán Villa; o responsable da área de asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Bermúdez Blanco, e os profesores Lourenzo Fernández Prieto e Marcelino Maneiro Maneiro. A mesma vicerreitora recoñeceu que a igualdade é cousa de dous e dixo que para conseguila era importante involucrar os homes e reflexionar con eles.

A moderadora desta mesa redonda, a profesora e membro do SMU, Elena Vázquez Cendón, lembrou que “cando a Universidade xa lideraba o emprendemento, as cifras de mulleres neste eran realmente moi baixas, unha tendencia que se inverteu este ano, cando son xa máis mulleres que homes quen lideran proxectos emprendedores”. E isto, segundo dixo, débese ás accións levadas a cabo nesta última década, "moitas delas impulsadas polo SMU". Para Vázquez Cendón, “a igualdade é un xenérico que é causa de todos e todas, sen patente, pero tampouco gratuíta, xa que precisa dunha implicación consciente”.

De esquerda a dereita, Susana López, Manuel Puga, Juan Casares, Benita Silva e Paula Prado

The contents of this page were updated on 03.07.2012.