Skip to main content

A USC, á vangarda na loita contra a resistencia a antibióticos

De esquerda a dereita, Romalde, González-Zorn, Corrales, Mora, García e Blanco, na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo
De esquerda a dereita, Romalde, González-Zorn, Corrales, Mora, García e Blanco, na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo
Investigadores do Laboratorio de Referencia de ‘E. coli’ da USC acadan o II Premio do Plan Nacional de Resistencia a Antibióticos (PRAN) á mellor publicación científica
Lugo

O incremento de bacterias multirresistentes a antibióticos de última elección representa unha das ameazas máis graves para a saúde pública a nivel mundial, xa que diminúe as opcións dispoñibles para un tratamento acaído, aumentando as taxas de mortalidade e os custos sanitarios. Diversas institucións alertan da gravidade deste problema e as estimacións indican que para o 2050, se non se atalla de raíz esta cuestión, ao redor de 10 millóns de persoas poderían morrer cada ano de enfermidades que antes eran facilmente curables.

A USC, que non é allea a esta situación de risco, está a traballar intensamente xunto con outras institucións españolas e europeas desde a perspectiva One-Health (unha saúde) para dar unha solución á problemática da resistencia a antibióticos, unha das principais ameazas para a saúde mundial, segundo a OMS. As contribucións feitas pola USC neste eido son aínda modestas, pero están a acadar recoñecementos importantes, como o proba a concesión do II Premio do Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos (PRAN) á mellor publicación científica sobre esta temática, un galardón que recaeu no artigo publicado na revista do Scientific Report, do grupo Nature, baixo o título ‘Whole genome sequencing, molecular typing and in vivo virulence of OXA-48-producing Escherichia coli isolates including ST131 H30-Rx, H22 and H41 subclones’, e en cuxa autoría participan, entre outros, Jorge Blanco Álvarez e Azucena Mora Gutiérrez, investigadores do Laboratorio de Referencia de E. coli (LREC) da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC.

O doutor Javier Fernández, do Servizo de Microbioloxía do Hospital Universitario Central de Asturias (HUCA), xunto coa doutora María de Toro, da Plataforma de Xenómica e Bioinformática do CIBIR da Rioxa, figuran como primeiros asinantes deste artigo, no que se compila o traballo de carácter multidisciplinar no que participaron diversas institucións sanitarias e universitarias (Universidade de Oviedo, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Cantabria-CSIC, ademais das antes citadas). Unha das achegas máis novas desta publicación responde a que se trata do primeiro traballo no que se analizan as secuencias xenómicas completas de cepas de E. coli produtoras de carbapenemasas de tipo OXA-48 de grupos clonais de risco (ST131, ST58 e ST83) procedentes de infeccións humanas. Este tipo de cepas e encimas (OXA-48) constitúen unha ameaza emerxente e os investigadores do LREC da USC foron os encargados de realizar a caracterización molecular convencional das cepas e os ensaios de virulencia in vivo en modelo murino.

O Plan Nacional de Resistencia a Antibióticos (PRAN) da Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios (AEMPS) é un programa estratéxico e de acción cuxo obxectivo é reducir o risco de selección e diseminación de resistencia aos antibióticos, a fin de mitigar o impacto deste problema sobre a saúde das persoas e os animais, preservando de maneira sustentable a eficacia dos antibióticos existentes.

Outras investigacións

Alén deste recoñecemento científico, as pescudas que está a realizar o Laboratorio de Referencia de E. coli da USC a prol da loita contra a resistencia antibióticos son diversas, tal e como o proba a tese de doutoramento que vén de presentarse na Facultade de Veterinaria de Lugo Isidro García Meniño baixo o título ‘Estudo do grupo clonal pandémico ST131 de Escherichia coli e de cepas enteropatóxenas porcinas (ETEC, VTEC, ETEC/VTEC e aEPEC) resistentes a colistina’.

O obxectivo desta investigación de doutoramento, dirixida polos profesores Azucena Mora e Jorge Blanco, é coñecer a situación do sector porcino en relación ao nivel de resistencias a antibióticos, prestando especial atención á resistencia fronte á colistina (antibiótico que funciona en moitos casos como última opción terapéutica fronte a infeccións antes facilmente curables), ademais de determinar exactamente que clons de E. coli están actualmente implicados na patoloxía da colibacilose porcina, unha enfermidade que produce importantes perdas económicas e cuxo control se realiza a través do uso de antibióticos.

Os resultados da tese doutoral achegan información esencial en canto ás bases biolóxicas implicadas na transmisión de antibiorresistencias, o que axudará no deseño de medidas para frear a súa dispersión, e ao deseño de novas estratexias de vacinación cun dobre papel, tanto no campo da sanidade animal como no da saúde pública. De feito, as investigacións apuntan aos animais de produción, sobre todo porcino e aves, como principais responsables da diseminación de bacterias resistentes a antibióticos, polo que son precisos estudos como esta investigación de doutoramento, que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Isidro García Meniño estivo presidido polo catedrático de Sanidade Animal da Universidade Complutense de Madrid e director da Unidade de Resistencia a Antibióticos no Centro de Vixilancia Sanitaria (VISAVET) da UCM, Bruno González Zorn, quen precisamente gañou o I Premio PRAN na categoría de publicación científica. O catedrático da USC e director do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC e experto en estudos filoxenéticos, Jesús López Romalde, e Juan Carlos Corrales Romero, profesor de Sanidade Animal da Universidade de Murcia e especialista en control e resistencias de micoplasmas, completaron a composición do tribunal.

The contents of this page were updated on 12.30.2019.