A profesora Socorro Rodríguez Holguín tomará posesión o vindeiro martes como decana da Facultade de Psicoloxía
A profesora do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía Socorro Rodríguez Holguín tomará posesión do seu cargo como decana da Facultade de Psicoloxía o martes, día 9, nun acto protocolario que presidirá o reitor Juan Viaño no Salón de Graos do Colexio de San Xerome a partir das 14.00 horas. No seu programa de traballo co que concorreu á elección, Socorro Rodríguez Holguín sinalaba como liñas de traballo a diversificación da oferta de prácticas externas e a ampliación da formación especializada cun máster no ámbito do Desenvolvemento Psicolóxico, ademais de contemplar a optimización dos recursos e mellorar os mecanismos de participación nas decisións da facultade. O seu equipo complétase con Isabel Fraga Carou, Mariela Resches Zlotik e Paula Villar Torres. Socorro Rodríguez Holguín é profesora titular da Área de Psicobioloxía. É doutora en Psicoloxía dende 1996 e imparte clases de Neurociencia Cognitiva no grao de Psicoloxía, no Máster de Neurociencia e no programa de doutoramento en Neurociencia e Psicoloxía Clínica. Forma parte do grupo de investigación en Neurociencia Cognitiva e Afectiva da USC e actualmente investiga sobre as consecuencias neurocognitivas do consumo de alcohol en mozos e mozas. Xa exerceu como decana da Facultade de Psicoloxía no período 2006-2010.