O premio Humanitas recoñece o traballo desenvolvido pola Asociación Galega de Familias de Acollida
A Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo) acaba de ser recoñecida co premio Humanitas 2023 que outorga o Consello Social e a Asociación de Antigos Alumnos da USC. Tras a análise das candidaturas presentadas, os membros do xurado decidiron por unanimidade recoñecer o traballo que Acougo realiza en prol dos dereitos dos menores que se atopan no sistema de protección público.
O xurado estivo formado polo reitor da USC, Antonio López Díaz, que o presidiu, a presidenta de Alumni, Eva López Barrio; a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra Rey; Nuria Pereira Martínez, vogal por parte do Consello Social e María Teresa Bouzada Gil por parte de Alumni, que actuou como secretaria do xurado.
Tras a análise das candidaturas presentadas, os membros do xurado puxeron de manifesto a importancia do labor solidario desenvolvido polas entidades candidatas, a prol da mellora da calidade de vida das persoas en situación de vulnerabilidade na comunidade.
Este premio recoñece accións e traxectorias que estean desenvolvendo actualmente persoas físicas, xurídicas, asociacións, empresas ou fundacións e que se distinguiran pola súa dedicación e implicación en actividades solidarias ou humanitarias, en beneficio da mellora da calidade de vida da colectividade.