Ir o contido principal

Convocadas as prácticas externas extracurriculares do Consello Social

A USC, a través do Consello Social, convoca prácticas externas extracurriculares para o estudantado. FOTO: Santi Alvite
A USC, a través do Consello Social, convoca prácticas externas extracurriculares para o estudantado. FOTO: Santi Alvite
As solicitudes poden presentarse ata o 11 de outubro a través da Sede Electrónica. A lista provisional de persoas adxudicatarias publicarase entre o 15 e o 18 do mesmo mes
Lugo, Santiago de Compostela

O Consello Social da USC lanza unha nova convocatoria de prácticas externas extracurriculares, cuxo prazo de solicitude permanece aberto ata o 11 de outubro. As peticións presentaranse a través do catálogo de procedementos da sede electrónica. A lista provisional de persoas adxudicatarias publicarase entre o 15 e o 18 de outubro. Dende o día seguinte ao da publicación das listas provisionais e ata o día 23 de outubro poderase presentar reclamación contra estas listas ou ben renunciar á praza. 

A USC, a través do Consello Social, convoca prácticas externas extracurriculares para o estudantado matriculado nos graos de Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Biotecnoloxía, Dereito, Economía, Educación Social, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Informática, Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Enxeñaría Química, Historia, Matemáticas, Pedagoxía, Química, Veterinaria, Enxeñaría forestal e medioambiente, Traballo social, Relacións laborais e Recursos Humanos, Psicoloxía, Medicina, Ciencias políticas e da administración, Comunicación audiovisual, Xestión cultural, Nutrición humana e dietética e Educación infantil. 

Tamén se ofertan prácticas nos mestrados en Atención sanitaria, xestión e coidados, Investigación biomédica, Innovación, nutrición, seguridade e tecnoloxía alimentaria, Biodiversidade terrestre, Dirección e xestión contable e financeira, Dirección de empresas, Avogacía e procuradoría, Técnicas estatísticas e Arqueoloxía. O período de prácticas terá unha duración mínima de 125 horas (5 ECTS) e máxima de 750 horas (30 ECTS) a realizar no prazo máximo de 6 meses. 

O estudantado tamén pode propiciar a celebración de novos convenios de cooperación educativa cunha determinada entidade. Neste suposto, cada estudante que propiciou o convenio terá dereito preferente, e por unha soa vez, a desenvolver as prácticas na entidade asinante. O prazo tamén remata o 11 de outubro. 

Premio

O Consello Social, tal e como xa suceden en anos anteriores, premiará a persoa mellor valorada por parte de quen exerza a titoría externa na realización das prácticas. O premio consistirá na entrega dun diploma por parte da presidenta do Consello Social e unha dotación económica de 1.500 euros que será outorgada no mes de maio de 2025.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.09.2024.