Aberto o prazo de presentación de candidaturas para o recoñecemento á Traxectoria Profesional do Consello Social
O Consello Social da USC acaba de convocar unha nova edición do recoñecemento á Traxectoria Profesional, unha distinción coa que se pretende recoñecer a excelencia profesional das persoas que realizaron estudos na Universidade de Santiago de Compostela e que levaron a cabo unha traxectoria profesional relevante, contribuíndo ao desenvolvemento da sociedade. O prazo de presentación de candidaturas estenderase ata o 24 de novembro a través do rexistro electrónico da USC.
Poderán presentar candidaturas a este recoñecemento membros da comunidade universitaria, da Asociación de Antigos Alumnos da USC, de asociacións empresariais, asociacións de comerciantes ou cámaras de comercio, colexios profesionais ou os concellos de Santiago e Lugo. As candidaturas deben conter as razóns que fan merecedora do premio á persoa proposta.
O xurado estará composto pola presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra, e polos vogais designados por este órgano colexiado. O recoñecemento ten carácter honorífico sen dotación económica. Na pasada edición, premiouse a traxectoria do ex reitor Darío Villanueva.