Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

Sir Anthony James Leggett

Universidade de Illinois, Urbana-Champaign (EE.UU.).
Premio Nobel de Física 2003.

Sir Anthony James Leggett

Premio Nobel polas súas "contribucións pioneiras á teoría dos superfluídos".

As sorprendentes propiedades do mundo cuántico adoitan producirse somentes a escala atómica, pero nos materiais supercondutores (que transportan unha corrente eléctrica sen perdas) e superfluidos (fluidos carentes de viscosidade) as súas singularidades son visibles a escala humana por seren manifestacións de fenómenos cuánticos na escala macroscópica. O mecanismo polo que adquiren estas inusuais propiedades baséase en que un gran número das partículas que forman o material entran nun estado colectivo, no que comparten unha función de onda cuántica común, estendida sobre lonxitudes macroscópicas. Isto leva, por exemplo, a que os superfluidos presenten viscosidade cero, ou os supercondutores resistencia eléctrica nula, nos dous casos debido á imposibilidade da función de onda colectiva de experimentar cambios continuos. Estas propiedades son importantes non só pola súa evidente posible aplicación na tecnoloxía e ciencia de materiais, senón porque proporcionan unha oportunidade única de estudar as características cuánticas "a simple vista".

O profesor Leggett proporcionou o marco teórico para a comprensión do fenómeno da superfluidez no Helio-3, un dos dous sistemas superfluidos coñecidos ata o momento.

Ademais desta contribución fundamental, a actividade do profesor Leggett abrangueu un rango particularmente amplo de temáticas da física da materia condensada. Destacan por exemplo as súas contribucións pioneiras para a compresión das interaccións entre sistemas cuánticos e macroscópicos, ou dos condensados de Bose-Einstein.

Conta ademais cunha notable formación humanística e interesouse profundamente por aspectos dos fundamentos das teorías físicas, tales como a completitude da mecánica cuántica na súa formulación actual.

Dende 1983 ocupa a prestixiosa cátedra MacArthur na Universidade de Illinois en Urbana-Champaign. Tamén é catedrático do Centro de Estudos Avanzados da mesma Universidade. Entre os numerosos premios de primeira magnitude cos que ten sido galardoado durante a súa carreira, son destacables o premio Fritz London (IUPAP, 1981) ou o premio Wolf de Física (2003). Foi nomeado Cabaleiro pola raíña Isabel II "polos seus servizos á física" (2004). Continúa mantendo unha frutífera actividade investigadora, como o demostran por exemplo os seus recentes estudos sobre as posibilidades de ordenamento magnético de espíns en sistemas bidimensionais (2011).

Este contido está bloqueado porque non se aceptaron as cookies de Vídeo.
Aceptar todas as cookies
Conferencia de Sir Anthony James Leggett (07.03.2013)