O Museo de Historia Natural da USC lanza una campaña de micromecenado no décimo aniversario da súa localización actual
O Museo de Historia Natural da USC cumprirá en outubro o seu décimo aniversario na localización actual, no Parque Vista Alegre de Santiago. A riqueza e diversidade das coleccións que alberga este museo, co seu enorme valor científico, histórico e didáctico, é froito do traballo e xenerosidade de persoal científico e coleccionistas dos séculos XIX, XX e XXI, moitos deles de Galicia. Agora o Museo pretende estender esta colaboración e compromiso a toda a comunidade universitaria e á cidadanía en xeral para que sexan partícipes do seu propósito científico cunha campaña de micromecenado a través da plataforma da USC Sumo Valor.
Cos fondos recollidos, o Museo ten prevista toda unha serie de actividades coas que lle dar maior visibilidade ao centro e poñer en valor os seus fondos. Así, haberá charlas-coloquio abertas ao público, con persoas fondamente ligadas ao Museo, ben porque traballaron nel, porque estudaron a súa historia ou porque fan uso del na súa práctica científica. Asemade, organizará unha exposición sobre a súa historia e as actividades desenvolvidas nestes derradeiros anos.
Un museo con historia
A súa orixe como Gabinete de Historia Natural remóntase ao século XVIII, aínda que a súa creación oficial fixase no curso 1840-41, coa primeira cátedra de Historia Natural da USC. O Gabinete transfórmase en Museo en 1906, na Facultade de Xeografía e Historia, e En 1960 trasládase á Facultade de Química, e en 2014 abre as súas portas no Parque Vista Alegre.
USC Sumo Valor
A Universidade de Santiago de Compostela conta co programa de mecenado Sumo Valor, que implica empresas, persoas e institucións nas actividades, proxectos e servizos cos que a USC demostra a súa permanente conexión coa sociedade. As achegas, que teñen unha importante dedución fiscal, contribúen a que proxectos de vital importancia polo seu potencial impacto na sociedade acaden os seus obxectivos.