Skip to main content

A USC investirá doutores honoris causa a Nicholas Peppas e Ben Feringa

A cerimonia de investidura celebrarase no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite
A cerimonia de investidura celebrarase no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite
Nicholas Peppas é un destacado investigador en biomateriais e nanomedicina, mentres que Feringa é premio Nobel de Química en 2016 polo seu traballo de deseño e síntese de máquinas moleculares

O reitor Antonio López presidirá este mércores 8 o acto protocolario de investidura como doutores honoris causa dos profesores Nicholas A. Peppas e Bernard L. Feringa. A xornada comezará ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e nela intervirán ademais a profesora María José Alonso Fernández e José L. Mascareñas Cid, padriños dos dous respectivos doutores.

Nicholas A. Peppas
O profesor Peppas está considerado un líder mundial indiscutible en biomedicina e farmacia e máis concretamente no ámbito dos biomateriais e da nanomedicina, ámbitos aos que ten contribuído dende a súa orixe hai pouco máis de medio século. A súa contribución nestas últimas décadas permitiu unha comprensión e evolución do novo ámbito e sentou as bases do deseño racional de sistemas de liberación de fármacos, permitindo o desenvolvemento de terapias avanzadas e intelixentes.

Como explicará a súa madriña nesta cerimonia de investidura, a profesora María José Alonso, Nicholas A. Peppas “creou unha serie de modelos teóricos e ecuacións asociadas que permitiron entender como se pode controlar a liberación dun fármaco a partir da súa forma de dosificación para obter o seu máximo beneficio”.

Ben Feringa
O catedrático de Química da Universidade de Groningen Ben Feringa (Países Baixos, 1951) e Premio Nobel de Química en 2016 é pioneiro no deseño e síntese de máquinas moleculares, é dicir, moléculas que poden actuar coma máquinas de tamaño nanométrico. Estas nanomáquinas coñecíanse en sistemas biolóxicos, pero era un verdadeiro reto construílas artificialmente. O profesor Feringa demostrou que isto é posible mediante síntese química en disolución, conectando selectivamente átomos e fragmentos moleculares.

O traballo do profesor Feringa no desenvolvemento de motores moleculares unidireccionais, que teñen o tamaño dunha millonésima parte dun milímetro, considérase clave para o progreso da nanotecnoloxía molecular. Demostrou que estes motores moleculares poden funcionar mentres están conectados a unha superficie e que o seu movemento pode mesmo desprazar obxectos macroscópicos. Tamén deseñou un ‘nanocoche’, isto é, un composto nanométrico que contén catro motores moleculares coma rodas e que se pode mover sobre unha superficie ao ser sometido a un estímulo externo.

The contents of this page were updated on 05.07.2019.