Skip to main content

Seminario sobre estudos computacionais e simulacións en Bioquímica

19/4/2024 - 11.00 horas

Salón de Actos

O programa, coordinado por Enrique Cabaleiro e impartido por Juan José Nogueira, aborda o emprego de ferramentas de simulación computacional para levar a cabo unha análise detallada do funcionamento dos procesos bioquímicos. A inscrición está aberta

Cartel do seminario
Cartel do seminario

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo acolle o venres 19 de abril, a partir das 11.00 horas, un seminario sobre estudos computacionais e simulacións en Bioquímica promovido por Enrique M. Cabaleiro ao abeiro do plan de formación complementaria impulsado desde o Campus Terra da USC. A inscrición neste programa permanece aberta en liña.

O programa, dirixido a alumnado e persoal investigador, será impartido por Juan José Nogueira e ofrece un total de 50 prazas. A estrutura desta actividade formativa consistirá nunha sesión expositiva de dúas horas de duración, no marco da que se explicarán os métodos de Química Computacional máis utilizados para a simulación de procesos biolóxicos. Ademais, tamén se presentarán varios casos prácticos nos que se aplicaron recentemente estas ferramentas no grupo de investigación MoBioChem (www.mobiochem.com) da Universidade Autónoma de Madrid.

Alén do cometido formativo, esta actividade tamén pretende probar que a investigación bioquímica non só ten lugar no laboratorio, senón que cada vez con máis frecuencia recórrese ao uso de ferramentas informáticas. De feito, as simulacións a nivel molecular permiten obter unha descrición moi detallada dos fenómenos que ocorren a nivel molecular, e permiten unha análise fonda e detallada do comportamento dos sistemas en contornas biolóxicas. Daquela, o relator do seminario explicará diversos métodos da Química Computacional que poden complementar as medidas experimentais feitas no laboratorio para conseguir un coñecemento máis profundo dos procesos biolóxicos.

The contents of this page were updated on 04.08.2024.