A primeira Nerd Nite do curso conmemora dous aniversarios claves para a física de partículas
Os 50 anos da liberdade asintótica e os 40 dos bosóns W e Z centrarán a primeira Nerd Nite do curso. Será o 14 de novembro, a partir das 20.30 horas, na Nave de Vidán (Av. Mestra Victoria Míguez, 44. Santiago de Compostela).
'Tres quarks para Muster Mark' é o titulo da charla que pronunciará José Edelstein, profesor da Facultade de Física da USC e investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia. A continuación, será a quenda de Clara Landesa, tamén investigadora do IGFAE, quen abordará 'Os bosóns W e Z: cambiándolle o sabor á vida'. Finalmente, Carlos Salgado, director do IGFAE, pronunciará o relatorio 'Que ben senta un caldiño... de quarks e gluóns'.
As Nerd Nites, organizadas polo catedrático da USC Jorge Mira, son conversas divulgativas nas que especialistas de diferentes ámbitos dialogan co público das disciplinas que os apaixonan fóra do ámbito académico nun ton distendido e en horario nocturno. Desta volta, a sesión enmárcase dentro das actividades programadas co gallo da Semana da Ciencia do IGFAE. As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo.