Skip to main content

This portal uses its own or third-party cookies for analytical purposes, as well as links to third-party portals in order to share content on social networks. You can get more information in the cookies policy.

Fondo pesar na USC polo pasamento da profesora Carmen María Cadarso Suárez

A Universidade de Santiago manifestou o seu fondo pesar polo pasamento da profesora Cadarso. FOTO: Santi Alvite
A Universidade de Santiago manifestou o seu fondo pesar polo pasamento da profesora Cadarso. FOTO: Santi Alvite
A catedrática estaba adscrita ao CITMAga logo de desenvolver máis de tres décadas de actividade docente e investigadora
Santiago de Compostela

A USC manifesta o seu fondo pesar polo pasamento da profesora do departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización, Carmen María Cadarso Suárez. A catedrática estaba adscrita ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), e deixa tras de si unha traxectoria de máis de 30 anos de docencia e de coordinación de proxectos e redes de investigación.

Cadarso era especialista en modelos de regresión flexibles e  joint  modelling para datos lonxitudinais e de supervivencia, e desenvolveu unha ampla experiencia na aplicación de metodoloxías estatísticas no ámbito clínico e epidemiolóxico. As súas liñas de investigación xeraron máis dun centenar de publicacións internacionais en revistas de impacto no eido da Estatística e da Biomedicina. Dirixiu o grupo de  Bioestatística e Ciencia de Datos Biomédicos, foi copromotora da spin-off académica BIOSTATECH,  Advice,  Training  and  Innovation  in  Biostatistics; dirixiu a Rede Nacional de  Bioestatística (BIOSTATNET) e foi directora do Centro Interdisciplinario de  Bioestatística de carácter mixto e internacional da USC (ICBUSC).

Tamén desenvolveu a codirección do mestrado propio de Bioestatística da USC e dirixiu preto dunha vintena de teses de doutoramento. Participou activamente na organización de máis de 30 Congresos e Workshops de Bioestatística, dez deles de ámbito internacional. Nos últimos anos participou en múltiples proxectos, de nivel internacional, estatal e autonómico.

"A súa dilatada experiencia en investigación estatística, cun claro enfoque e importantes contribucións no ámbito biomédico, quedou de manifesto no seu extenso currículo, con máis de 200 publicacións en revistas internacionais de impacto, así como o seu liderado en numerosos proxectos de investigación competitivos. Ademais, é realmente destacable o labor de dinamización que levou Cadarso nas áreas biomédica e bioestatística, establecendo pontes entre a investigación que se realiza nos dous ámbitos", explicaron este luns dende a Facultade de Matemáticas.

A súa traxectoria e contribucións, "nun ámbito tan fundamental para o noso benestar como a saúde e as Ciencias da Vida, levouna a xerar unha escola de profesionais da estatística que senten un gran agradecemento pola formación académica e o apoio persoal recibido", sinalaron.  "Toda a comunidade académica que a coñeceu e que colaborou con ela sente hoxe admiración pola súa persoa e unha grande pena pola súa perda", engadiron. Cadarso foi tamén fundadora do coro Collegium Compostellanum. 

The contents of this page were updated on 06.06.2022.