Skip to main content

This portal uses its own or third-party cookies for analytical purposes, as well as links to third-party portals in order to share content on social networks. You can get more information in the cookies policy.

Photonics4Life participa na creación de cofres para esterilizar máscaras faciais

Os primeiros cofres atópanse na sala de reanimación do CHUS. FOTO: Santi Alvite
Os primeiros cofres atópanse na sala de reanimación do CHUS. FOTO: Santi Alvite
A caracterización dosimétrica desenvolvida polo grupo de investigación é chave para que o material de uso sanitario poda ser reutilizado
Santiago de Compostela

A alta demanda de máscaras faciais, así como a súa escaseza no mercado, fai que a esterilización deste material se converta, moitas veces, nunha saída necesaria para os centros sanitarios. Nesta liña, o grupo de investigación Photonics4Life da USC participa na creación de cofres que inhabilitan os virus. Dotados de luminarias que emiten unha lonxitude de onda de 254 nanómetros, o uso destas caixas metálicas é coñecido como esterilizador e bactericida.

"Dende o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) puxéronse en contacto coas universidades e centros de investigación a finais de marzo solicitando persoal cualificado que puidese medir a dosimetría do cofre que estaban a construír para dar solución á falta de EPIS, máscaras en particular, que sufrían nese momento para poder reutilizalas", explica Maite Flores-Arias, coordinadora de Photonics4Life.

O cofre foi ideado e construído por Aurora Baluja, do departamento de Anestesioloxía do CHUS, e por Ramón Vilanova do grupo Iberman, contando co apoio do Xefe de Servizo de Anestesioloxía e tamén decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Julián Álvarez Escudero. 

O grupo de investigación da USC caracterizou dosimetricamente o cofre e contribuíu  ao seu deseño interior, en particular no relativo á posición da reixa que alberga as máscaras a  esterilizar, así como no posicionamento máis adecuado para as mesmas. "Para converter o cofre nun sistema fiable de desinfección fronte ao SARS-CoV-2, necesitábase facer unha caracterización dosimétrica precisa, determinando as sombras de dosimetría que se producen no interior do cofre canto hai varias máscaras de diferentes tipos e con xeometría diferente", explica a profesora Flores-Arias.

Capacidade de desprazamento

Instalado na sala de reanimación do CHUS, o cofre funciona as 24 horas do día e mesmo se construíu outra cámara para dar servizo á gran demanda existente, na mesma sala e con características idénticas. "A vantaxe que presenta este cofre de desinfección é que se pode desprazar grazas ao seu sistema de rodas, podendo coarse no sitio concreto onde se xera o material contaminado, sen ter que facer traslado do mesmo dun lugar a outro", afirma a coordinadora de Photonics4Life.

A caracterización e os cálculos dosimétricos foron realizados polos investigadores da USC Maite Flores-Arias, Xusto Arines Piferrer e Carmen Bao, da área de Óptica do Departamento de Fisica Aplicada. Os membros de Photonics4 Life acaban de participar tamén na caracterización dun cofre similar que o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo solicitou á empresa Hidronav  Technologies S.L.

 

Interior do cofre
Interior do cofre
The contents of this page were updated on 04.20.2020.