Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

Grao en Bioloxía (2ª edición)

  • Nova oferta
  • En extinción
Modalidade
Presencial
Rama de coñecemento
Ciencias
Centro(s)
Facultade de Bioloxía
Rúa Lope Gómez de Marzoa, s/n, 15782
Santiago de Compostela
881813245 (Conserxaría)
881813308 (Decanato)
facultade.bioloxia.decanato@usc.gal
Campus
Santiago de Compostela
Estudantes á entrada da Facultade

A Bioloxía estuda a vida desde o nivel molecular ata o ecosistema, incluíndo a especie humana, a biotecnoloxía e a conservación e xestión do medio, polo que constitúe un dos eixes fundamentais da investigación a nivel mundial. O grao en Bioloxía forma profesionais que entenden e coñecen a complexidade e diversidade dos seres vivos e a súa relación co medio.

  • Duración: 4 anos académicos
    Código RUCT: 2504140
    Número prazas: 100

    Decano/a ou director/a do centro:
    Jesús Ángel López Romalde

    Coordinador-a do título:
    Francisco Javier Salgado Castro

    Linguas de uso:
    Castelán, Galego

    Nivel MECES: 2

    Universidade coordinadora:
    Universidade de Santiago de Compostela

    Universidade(s) participante(s):
    Universidade de Santiago de Compostela

    Data da autorización de implantación do título pola Xunta de Galicia:
    Orde do 16/06/2020 (DOG do 1/07/2020)

    Data de publicación no BOE:
    7/05/2021

    Data da última acreditación:
    18/05/2020

    A ciencia da Bioloxía constitúe un dos piares fundamentais do coñecemento. O estudo da vida desde o nivel molecular ata o ecosistema, incluído todo o relacionado coa especie humana, a biotecnoloxía e a conservación e xestión do medio ambiente constitúe un dos eixes fundamentais da investigación básica e aplicada a nivel mundial.

    Os graduados en Bioloxía son profesionais que entenden e coñecen a complexidade e diversidade dos seres vivos e a súa relación co medio no que viven, e que os estudan a todos os seus niveis de organización baixo unha perspectiva integradora.

  • Ofértanse dúas mencións:

    - Mención en Bioloxía Biosanitaria

    Ofrecerá ao alumnado unha profundización/especialización no ámbito biosanitario permitíndolle desenvolver a súa actividade en laboratorios clínicos, reprodución humana, saúde pública, nutrición e dietética, entre outros.

    - Mención en Bioloxía Ambiental

    Esta orientación proporcionará ao alumnado unha formación que lle permitirá desenvolver a súa actividade no campo da conservación, caracterización e xestión da biodiversidade e do medio natural.

    Os/as alumnos/as que cursen o Grao en Bioloxía poderán optar pola posibilidade de obter o título de Graduado/a en Bioloxía con ou sen mención. Para obter unha mención o alumnado ha de cursar como mínimo 30 créditos ECTS vinculados a unha das mencións. Sempre que o/a alumno/a o solicite, e co informe favorábel do titor e a aprobación pola comisión de traballos de fin de grao da Facultade de Bioloxía, os 12 créditos ECTS do TFG poderán vincularse a unha das mencións.

  • Os xerais para as titulacións de grao. Non se contemplan condicións nin probas de acceso especiais.

  • A Facultade de Bioloxía conta con 10 aulas para a docencia expositiva, 6 aulas-seminario, 3 aulas de informática, Aula Magna, Salón de Graos, Aula do edificio Cibus e Sala de Xuntas; así como 10 laboratorios de prácticas completamente equipados. Todas as aulas están equipadas con sistema de vídeo proxección e en 4 de elas ademais hai sistemas de videoconferencia completos;..

    O alumnado dispón de espazos adicionais, tales como áreas de traballo en grupo e local de alumnos.

    Dende calquera punto da Facultade é posible a conexión sen fíos a Internet.

    A Facultade tamén dispón dun moderno invernadoiro automatizado e un animalario.

    A Biblioteca de Bioloxía “ Victor López Seoane” forma parte da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela ( BUSC) e no seu conxunto reúnen os recursos bibliográficos indispensables para a titulación. Consta de dúas salas de lectura (269 postos), unha sala de traballo en grupo (20 postos).

  • O obxectivo final do Título de Grao en Bioloxía é a formación de profesionais que entendan e coñezan a complexidade e diversidade dos seres vivos e a súa relación co medio en que viven, que os estuden en todos os seus niveis de organización e baixo unha perspectiva integradora. Por iso, o título de Graduado ou Graduada en Bioloxía obxecto desta memoria aspira a proporcionar (a través dos créditos de formación básica e obrigatoria dos tres primeiros anos) unha formación sólida nas diversas materias que compoñen o coñecemento científico da bioloxía, incluíndo os avances máis recentes desta ciencia en constante evolución. No cuarto curso dáse a posibilidade de realizar unha formación máis especializada, coa inclusión de dúas menciones: Mención en Bioloxía Biosanitaria e Mención en Bioloxía Ambiental.

  • Mobilidade

    A mobilidade dos estudantes realízase a partir do segundo ano de estudos na titulación, en períodos cuadrimestrales ou anuais. A selección dos candidatos lévase a cabo, para cada convocatoria ou programa, por unha Comisión de Selección, composta polo decano ou decana, o vicedecano ou vicedecana responsable de programas de intercambio, o/a responsable da UAGCD e os/as coordinadores académicos, de acordo con criterios de baremación, previamente establecidos, que teñen en conta o expediente académico, unha memoria e, no seu caso, as competencias en idiomas que esixe a Universidade de destino.

    A mobilidade dos/as estudantes está regulada a través do “Regulamento de intercambios interuniversitarios”. A través da Oficina de Relacións Exteriores xestiónanse programas de intercambio tanto nacionais (SICUE), como europeos (ERASMUS) e extracomunitarios (intercambios con países de América Latina ou países de fala inglesa):

    Portal Internacional

    A Facultade de Bioloxía conta cun membro do equipo de dirección do Centro para asumir as funcións de responsábel académico de mobilidade (RAM), que de acordo coa normativa vigente, convocará e presidirá as comisións de selección de estudantes naqueles procesos en que así se determine, ademais de velar polo cumprimento na aplicación das normas e criterios establecidos nos distintos programas de mobilidade.

    Prácticas

    O plan de estudos para o Grao en Bioloxía contempla a realización de prácticas externas por un total de 6 ECTS. O obxectivo fundamental é que o alumnado desenvolva as competencias adquiridas en materias do grao a través da súa inmersión nun contorno laboral representativo do seu contexto profesional futuro.

    Aínda que as prácticas externas están programadas para o 1º semestre do cuarto curso do grao, o alumnado poderá realizalas ao longo do curso académico. Organizaranse e administrarán co fin de garantir a calidade, o recoñecemento académico e o aproveitamento máis axeitado por parte do alumnado. Para iso terán un/a titor/a externo/a, pertencente á institución en que se leven a cabo as prácticas, que se coordinará cun titor/a académico/a, que realizará a avaliación en función da calidade da memoria que o alumnado presente e do informe emitido por o/a titor/a externo/a.

  • Para a obtención do título de Graduado/a en Bioloxía é obrigatorio a realización dun traballo fin de grao (TFG) de 12 créditos ECTS, consistente nun traballo orixinal elaborado polo estudante, no cal se integren e desenvolvan os contidos formativos recibidos, as capacidades, competencias e habilidades adquiridas durante os estudos do Grao en Bioloxía.

    O alumno poderá matricularse e, xa que logo, realizar o TFG ao longo do cuarto curso académico do grao, sempre que non teña pendentes máis de 75 créditos para completar os estudos, excluídos os correspondentes ao traballo fin de grao. Os TFG poderán ser bibliográficos, experimentais ou doutra índole. Incluirán, como mínimo, tarefas de procura e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de esquemas, redacción e presentación.

  • Non hai información dispoñible neste momento.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2024.