Ir o contido principal

Normativa

Normativa relacionada co Valedor

O valedor na lexislación universitaria

Aprobado polo Claustro Universitario o 23 de febreiro de 2006

Artigo 1.- Concepto

O valedor ou valedora da comunidade universitaria é o comisionado ou a comisionada do Claustro Universitario para a defensa e a garantía dos dereitos e liberdades dos membros da comunidade universitaria.

Artigo 2.- Funcións e garantías.

  1. O valedor ou valedora da comunidade universitaria exercerá as funcións que este Estatuto lle encomende e as que contemplen as disposicións de desenvolvemento. As súas actuacións virán rexidas polos principios de imparcialidade e autonomía, non estando sometido/a a mandato imperativo ningún.
  2. O valedor non poderá ser sancionado como consecuencia do exercicio do seu cargo.
  3. Para o exercicio das súas funcións o valedor contará coa asistencia dunha Comisión de Asesoramento e Axuda.
  4. En particular, o valedor supervisará a actuación administrativa da Universidade, coidando de oficio ou a instancia de parte que quede garantido o exacto cumprimento dos dereitos dos membros da comunidade universitaria, para evitar situacións de arbitrariedade. Todo isto sen prexuízo dos recursos e garantías contidas nos Estatutos e na lexislación vixente.

Artigo 3.- Elección

  1. Poderá ser elixido valedor calquera membro da comunidade universitaria con acreditada imparcialidade, prestixio e honestidade. A condición de valedor é incompatible co desempeño de calquera outro cargo de goberno universitario.
  2. O valedor da comunidade universitaria será elixido pola maioría absoluta do Claustro Universitario para un mandato de cinco anos, que poderá ser renovado unha soa vez. Seralle de aplicación o disposto nos apartados 1 e 2 do artigo 72 dos Estatutos.
  3. A elección levarase a cabo segundo determine a Mesa do Claustro, de acordo co disposto no seu Regulamento de Réxime Interno.

*Artigo 3bis.- Suplencia

  1. O/a Valedor/a da Comunidade será suplido temporalmente no exercicio das súas funcións por un dos membros da Comisión de Asesoramento e Axuda elixido por esta.
  2. A suplencia terá lugar nos casos seguintes:
    1. Baixa por incapacidade temporal.
    2. Período de goce dos permisos por maternidade, paternidade, risco durante o embarazo, risco durante a lactación, ou de lactación acumulado.
    3. Período de goce do permiso vinculado a condición de vítima da violencia de xénero.
    4. Declaración de abstención do Valedor.
    5. Ausencia.
  3. Nos actos realizados durante a suplencia, deixarase constancia desta circunstancia e especificarase a persoa que a estea exercendo. 

Artigo 4.- Perda da condición

  1. O valedor perderá a súa condición por algunha das seguintes causas:
    1. Por dimisión, unha vez aceptada polo reitor.
    2. Por morte ou incapacidade legal sobrevida.
    3. Por perda das condicións necesarias para ser elixido.
    4. Por cesamento acordado pola maioría absoluta do Claustro.
  2. No caso de dimisión, o valedor quedará en funcións ata a elección do seu sucesor. Cando o cesamento se produza polas restantes causas quedará en funcións un dos membros da Comisión de Asesoramento e Axuda elixido por esta.
  3. Unha vez que o valedor perda a súa condición, deberá procederse á súa elección na primeira sesión ordinaria do Claustro.

Artigo 5.- Comisión de Asesoramento e Axuda

  1. A Comisión de Asesoramento e Axuda estará integrada polos seguintes membros:
    1. Dous membros do PDI e investigadores en formación.
    2. Dous membros do estudantado.
    3. Dous membros do PAS
  2. Os membros da Comisión serán elixidos entre membros da comunidade universitaria polo colectivo respectivo do Claustro cada vez que este se renove na súa totalidade. Cada elector poderá votar a un único candidato. Serán elixidos os candidatos máis votados. Non obstante, co fin de garantir a presenza de representantes dos Campus de Lugo e Santiago de Compostela, se tanto o valedor como os candidatos máis votados para ocupar os postos elixibles representasen a un único Campus, resultará elixido o candidato do outro Campus que obtivese máis votos en proporción ao número posible de electores do seu respectivo colectivo. Os empates resolveranse de conformidade co Regulamento de Réxime Interno do Claustro Universitario.
  3. Perderase a condición de membro da Comisión de Asesoramento e Axuda:
    1. A petición propia.
    2. Pola elección dunha nova Comisión.
    3. Por morte ou incapacidade legal sobrevida.
    4. Por perda das condicións necesarias para ser elixido.
    5. Por decisión do Claustro, a proposta da Comisión ou do Valedor, en casos de incumprimento ou deixamento das funcións para as que foi elixido.
  4. No caso de perda da condición dalgún dos membros, serán substituídos na primeira sesión ordinaria do Claustro.

Artigo 6.- Funcións e garantías da Comisión de Asesoramento e Axuda ao Valedor

  1. Son funcións da Comisión de Asesoramento e Axuda ao Valedor:
    1. Elixir entre os seus membros á persoa que actuará como valedor en funcións no suposto previsto no apartado 2 do artigo 4, ata a elección do novo valedor.
    2. Instar ao valedor á apertura de actuacións de oficio cando medien indicios razoables de actuacións contrarias aos dereitos dos membros da comunidade universitaria, que teñan incidencia xeral nela.
    3. Seguir a tramitación das queixas e expedientes a través da información que periodicamente lle facilite o valedor, podendo achegar suxestións sobre o seu desenvolvemento.
    4. Coñecer as causas e motivos para a resolución das queixas e expedientes tramitados, así como as actuacións levadas a cabo no seu cumprimento.
    5. Prestar calquera outra axuda ou asesoramento que lle sexa solicitado polo valedor.
  2. Os membros da Comisión de Asesoramento e Axuda non poderán ser sancionados como consecuencia do exercicio das súas funcións. Todos os membros da comunidade universitaria teñen a obriga de colaborar coa Comisión no desempeño do seu labor..

Artigo 7.- Das reunións da Comisión

  1. A Comisión de Asesoramento e Axuda reunirase polo menos unha vez cada trimestre por convocatoria do valedor e baixo a súa presidencia. As convocatorias realizaranse polo medio que acorden os membros da Comisión.
  2. Igualmente deberá ser convocada cando o soliciten polo menos dous terzos dos seus membros. Neste caso deberá reunirse nun prazo non superior a quince días.

Artigo 8.- Dos medios do valedor

  1. Para o desempeño das súas funcións disporá dos medios persoais e materiais necesarios.
  2. O valedor terá a consideración de cargo equivalente ao de vicerreitor para os efectos económicos, protocolarios e de redución de obrigas docentes ou de outra índole.

Artigo 9.- Deber de sixilo

O valedor deberá gardar a confidencialidade dos datos e informacións de carácter persoal ou reservado obtidas no desempeño das súas funcións. En todo caso estes datos poderán ser dados a coñecer aos membros da Comisión de Asesoramento e Axuda, aos que vincula igualmente o deber de sixilo.

Artigo 10.- Procedemento

  1. A actuación do valedor poderá iniciarse de oficio ou mediante queixas formuladas por membros da comunidade universitaria ou persoas que se consideren afectadas por actuacións universitarias. As queixas, tanto individuais como colectivas, formularanse por escrito, no prazo máximo de dous meses lectivos dende que se tivese coñecemento dos feitos que motivan a solicitude de intervención.
  2. O valedor garantirá a confidencialidade en relación á identidade das persoas que presenten queixas.
  3. Recibida unha queixa, darase contestación motivada sobre a súa admisión ou non a trámite no prazo máximo de quince días.
  4. O valedor non poderá entrar no exame das queixas relativas a materias que estean sometidas a procesos xudiciais ou sobre as que penda un expediente administrativo sancionador.
  5. Admitida a queixa, o valedor promoverá a oportuna investigación para o esclarecemento dos feitos que a motivaron.
  6. O procedemento rematará mediante un ditame ou informe, no que mostrará o seu parecer sobre a queixa presentada, e facendo as recomendacións que considere pertinentes sobre o xeito de actuar de órganos, membros ou servizos da Universidade de Santiago.
  7. Así mesmo, o valedor, de oficio, poderá realizar informes sobre aquelas materias universitarias que considere oportuno. Tamén poderá formular recomendacións perante outros órganos ou administracións públicas a través do reitor.
  8. As decisións do valedor en ningún caso poderán modificar os actos e resolucións da Administración pública universitaria. Tampouco serán susceptibles de recurso nin de impugnación xudicial.
  9. Cando das actuacións practicadas se desprenda que a queixa foi orixinada polo abuso, arbitrariedade, discriminación, erro, neglixencia ou omisión dun órgano ou membro da comunidade universitaria, o valedor presentaralle un informe ao órgano competente para que tome as medidas adecuadas para o restablecemento da situación perturbada.

Artigo 11.- Deber de colaboración

  1. Todos os órganos e membros da comunidade universitaria están obrigados a auxilialo no exercicio das súas funcións. O valedor poderá esixir dos responsables ou encargados dos distintos servizos da Universidade a exhibición de todos os documentos ou datos que considere necesario coñecer para o desenvolvemento máis eficaz da súa función.
  2. Igualmente, todos os órganos e membros da comunidade afectados deberán informar ao valedor das actuacións levadas a cabo en cumprimento das recomendacións do valedor contidas nos seus ditames ou informes.
  3. Os incumprimentos do deber de colaboración por parte de órganos ou membros da comunidade universitaria, ademais de seren comunicados ao reitor para que tome as medidas oportunas, deberán facerse constar no informe anual do valedor.

Artigo 12.- Do informe anual

O valedor dará conta anualmente das súas actividades ao Claustro Universitario mediante un informe que incluirá as propostas de mellora que estime oportunas.

Artigo 13.- Reforma do Estatuto do valedor

A iniciativa de reforma parcial ou total deste Estatuto corresponde á Mesa do Claustro ou a un terzo dos membros do Claustro. A aprobación corresponderá ao Claustro por maioría simple.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Á entrada en vigor deste Estatuto, quedará derrogado o aprobado polo Claustro Universitario o 4 de marzo de 1999.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente Estatuto entrará en vigor ao día seguinte da súa aprobación polo Claustro da Universidade.

Artigo 10º

  1. A valedora ou valedor da comunidade universitaria é a persoa comisionada do Claustro Universitario para a defensa e a garantía dos dereitos e liberdades dos membros da comunidade universitaria, que poden acudir ante el ou ela cando consideren lesionados os seus dereitos e liberdades. As súas actuacións, sempre dirixidas á mellora da calidade universitaria en todos os seus ámbitos, non estarán sometidas a mandato imperativo de instancia universitaria ningunha e virán rexidas polos principios de independencia e autonomía.
  2. Para o desempeño das súas funcións, o valedor disporá dos medios persoais e materiais necesarios. Todos os órganos e membros da comunidade universitaria están obrigados a auxilialo no exercicio das súas funcións.
  3. O Claustro Universitario aprobará un estatuto do valedor da comunidade universitaria e procederá á súa elección por maioría absoluta para un mandato de cinco anos. Crearase unha Comisión de Asesoramento e Axuda ao Valedor, coa composición que se recolla no estatuto do valedor e que deberá reflectir a dualidade de campus da Universidade. O mandato do valedor finalizará por dimisión ou por cesamento, acordado pola maioría absoluta dos membros do Claustro Universitario.
  4. O valedor presentaralle un informe anual ao Claustro, no cal dará conta das súas actividades e incorporará as propostas de mellora que considere oportunas.
  5. O valedor poderá instar e promover ante os órganos correspondentes actuacións e iniciativas para mellorar a calidade, así como os dereitos e liberdades dos membros da comunidade universitaria.

Artigo 46.2 h:

Nos termos establecidos polo ordenamento xurídico, os estudantes terán dereito a:

h) Á garantía dos seus dereitos, mediante procedementos adecuados e, se é o caso, a actuación do defensor universitario.

Disposición adicional décimo cuarta. Do Defensor Universitario.

Para velar polo respecto aos dereitos e as liberdades dos profesores, estudantes e persoal de administración e servizos, ante as actuacións dos diferentes órganos e servizos universitarios, as universidades establecerán na súa estructura organizativa a figura do Defensor Universitario. As súas actuacións, sempre dirixidas cara a mellora da calidade universitaria en todos os seus ámbitos, non estarán sometidas a mandato imperativo de ningunha instancia universitaria e virán rexidas polos principios de independencia e autonomía.

Normativa de interese

Estatuto do Estudante

Real Decreto 1791/2010, de 30 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do Estudante Universitario.

Estatuto do Estudantado da USC

Complementando o establecido nos Estatutos da Universidade desenvolve polo miúdo os dereitos e deberes dos estudantes e regúlanse as condicións de estudo na Universidade de Santiago de Compostela.

Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións

Esta normativa establece os procedementos e prazos para a elaboración e publicidade da programación docente de cada materia así como os procedementos de avaliación académica dos estudantes, a publicidade dos resultados e a revisión de cualificacións.

Normativa de asistencia á clase nas ensinanzas adaptadas ao espazo europeo de educación superior

Regulamenta á asistencia a clase determinando o sistema de valoración, os seus efectos sobre a realización de exames, o seu control, e as causas de xustificación e  excepcións.