Cafetaría
O segundo evento do ciclo organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da EPSE aborda o fenómeno social da colonización pornográfica e o seu impacto na infancia e nas familias da man de Lorena Añón, Noa Lombao e Sofía Pérez
Nas últimas décadas é evidente que unha serie de imaxinarios, tradicionalmente vinculados á pornografía, estanse incorporando a outras manifestacións culturais. Abonda con mirar atentamente (ou simplemente con mirar) para a moda, o cine, a publicidade, a música, o deporte, os videoxogos... para atoparmos perfectamente naturalizadas situacións, estéticas, imaxes, posturas... que non hai moito tempo se consideraban propias da pornografía.
Este fenómeno coñécese como pornificación cultural e está provocando que o pornográfico colonice e se naturalice en novos ámbitos das nosas vidas e relacións, e que o sexo se vexa cada vez máis coa mirada da pornografía, unha mirada patriarcal baseada en cousificar e deshumanizar as mulleres.
É neste punto cando se desvelan as implicacións políticas deste fenómeno, que opera como unha ferramenta para manter estruturas de poder, perpetuar as desigualdades de xénero na sociedade e a violencia sexual contra as mulleres. E iso é o que o converte nun tema interesante sobre o que falar neste Encontro de Lúa Chea.
E para falar del xuntamos a:
- Lorena Añón, profesora da USC especializada en estudos feministas e de xénero
- Noa Lombao, estudante da USC, que estuda como o fenómeno afecta a socialización da infancia e a mocidade
- Sofía Pérez, educadora social en Aliad Ultreia
Nas súas intervencións, describirán o concepto, e como impacta na infancia, na adolescencia e nas familias. E abrirán o debate para que todo o público asistente poida preguntar, opinar ou expoñer as súas experiencias. Agardámoste alí!