O Museo de Historia Natural incorpora unha mostra sobre a evolución da investigación mineralóxica
O Museo de Historia Natural da USC mostra nas súas salas unha nova perspectiva da investigación mineralóxica que se desesenvolveu e desenvolve en Galicia a través da segunda edición da exposición ‘Minerais. Ver o Invisible. De Haüy á ermeloíta’. Esta é unha exposición que promoven a Área de Infraestruturas de Investigación e o Museo de Historia Natural (MHN) da USC e que acaba de abrir as súas portas este martes nas instalacións do MHN. A exposición poderá ser visitada de balde en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas, de martes a sábado, e domingos e festivos de 11.00 a 14.00 horas.
Esta proposta toma como punto de partida o traballo do investigador do século XVII René Just Haüy, considerado un dos fundadores da cristalografía e mineraloxía modernas e a quen se dedicou o Ano Internacional Mineralóxico 2022. A investigación máis recente presente móstrase nunha escolma de resultados realizados con modernas técnicas de análise mineralóxica e coa presentación do novo mineral galego, a ermeloíta, que quedará depositada de forma permanente no MHN. Este é o terceiro mineral descuberto en Galicia, tras a morenosita e a cervantita, descritos a mediados do século XIX.
O novo mineral foi descuberto no monte Ermelo en 2022 polos investigadores da USC Carlos Rodríguez Vázquez, Moisés Núñez García e Manuel Cerviño Fervenza e foi estudado cientificamente por persoal técnico da Área de Infraestruturas de Investigación da Vicerreitoría de Política Científica da USC. Tras o seu achado, arrancou un proxecto divulgativo conxunto entre a Área de Infraestruturas de Investigación e o Museo de Historia Natural da USC, que abrangue o período 2022-2026, diferentes actividades divulgativas de mineraloxía científica (obradoiros, saídas ao campo e conversas) orientadas a diversos públicos con grande éxito de asistencia. Este esforzo de difusión pódese apreciar nesta 2ª edición que toma o relevo da primeira mostra exhibida no Colexio de Fonseca o pasado verán de 2023.