O Museo de Historia Natural e a Área de Infraestruturas de Investigación da USC participarán na Feira de Minerais de Santiago
A Área de Infraestruturas de Investigación e o Museo de Historia Natural da USC participarán na oitava Feira de Minerais de Santiago cunha exposición de divulgación mineralóxica. Esta mostra está considerada como unha das máis grandes de Galicia e Portugal no seu ámbito. A presenza da USC inclúe oito paneis informativos sobre as investigacións realizadas no campo da mineraloxía. No seu conxunto, a Feira reúne o material de 30 expositores e case 150 metros lineais de expositores. Permanecerá aberta de 10.00 a 21.00 horas entre o xoves 3 e o domingo 6 de marzo.
O Museo de Historia Natural da USC constitúe un dos conxuntos de patrimonio histórico-científico máis importantes de Galicia configurado por coleccións zoolóxicas, botánicas ou xeolóxicas resultantes dos traballos de investigación dos séculos XIX, XX e XXI. Posúe unha valiosa colección xeolóxica e mineralóxica de alto valor científico e cultural, con representación da práctica totalidade de clases mineralóxicas e cunha gran variedade de minerais e rochas de Galicia e América.
Polo que respecta á Area de Infraestruturas de Investigación, dispón dunha colección científica de minerais (RIAIDT) iniciada en 2015 a partir de fondos propios das Unidades de Raios X e de Arqueometría cunha vocación divulgativa. Na actualidade é depositaria da espécimes minerais singulares ou que presentan moi baixa frecuencia ou incluso son primeira cita en Galicia.