Botánica e son danse a man na nova exposición do Museo de Historia Natural da USC
O Museo de Historial Natural da Universidade de Santiago de Compostela acaba de incorporar ás súas exposicións temporais a mostra ‘Calendario Floral’, unha proposta que irmanda o traballo da bióloga a e ilustradora científica Sarela Lorenzo Robledo coas interpretacións musicais da formación para violín e cello Duo PrismA.
O proxecto parte da obra ’96 Airs for the Seasons’ de James Oswald, na que compositor escocés barroco musicou un tributo á natureza a través de 96 pezas para instrumento melódico, baixo continuo e clavicémbalo, que dividiu en catro bloques correspondentes a cada unha das estacións do ano e ás que atribuíu como título o nome dunha flor ou arbusto.
De entre todas elas, o Duo PrismA, conformado por Eva Otero (violoncello) e Ioan Haffner (violín), fai unha escolma e dota a súa interpretación musical de dimensión visual grazas á colaboración da artista Sarela Lorenzo Robledo. Desa irmandade resulta unha mostra na que as persoas visitantes poderán contemplar a colección de láminas botánicas das especies que titulan estas composicións musicais mentres escoitan a súa versión sonora a través do código QR que acompaña cada unha das ilustracións.
A mostra ‘Calendario Floral’ poderá ser visitada no Museo de Historia Natural de martes a sábado das 10 ás 14 horas e das 16.30 ás 20 horas, e os domingos e festivos das 11 ás 14 horas.