O apaixonante mundo dos meteoritos, nova mostra do Museo de Historia Natural da USC
Inaugurouse cunha charla do coleccionista e propietario das pezas Xavier Canseco
O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela acolle unha nova exposición temporal: ‘Rochas extraterrestres: meteoritos’. A colección, meticulosamente reunida polo coleccionista Xavier Canseco, ofrece aos visitantes unha fiestra única ao cosmos.
A inauguración oficial da mostra tivo lugar este xoves precedida dunha charla do propietario da colección, que logo fixo un percorrido explicativo das pezas expostas, con cadansúa propia historia e orixe, ás persoas asistentes.
‘Rochas extraterrestres: meteoritos’ poderá visitarse de martes a sábados, de 10 a 14 e de 16:30 a 20 horas, e domingos e festivos de 11 a 14 horas. Este mes, coincidindo co Día Internacional dos Museos, a visita será de balde o sábado 18.