Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

Unha unión polo benestar en tempos incertos

Estudantado en zonas verdes do campus. FOTO: Santi Alvite
Estudantado en zonas verdes do campus. FOTO: Santi Alvite
A USC acolle do 5 ao 7 de maio a oitava Asemblea de Reitores e Reitoras e a primeira Reunión de Institucións Asociadas da Alianza EUniWell para reforzar a cooperación, explorar valores compartidos e trazar un rumbo europeo conxunto para o futuro

A Universidade de Santiago de Compostela organiza do 5 ao 7 de maio a oitava Asemblea de Reitores e Reitoras e a primeira Reunión de Institucións Asociadas da Universidade Europea para o Benestar (EUniWell), a Alianza da que a USC forma parte xunto a outras dez institucións universitarias. Reitores/as, vicerreitores/as, estudantado e outros representantes das universidades integradas en EUniWell reuniranse en Compostela para debater na Asemblea de Reitores e Reitoras algunhas das cuestións máis urxentes ás que se enfronta a ensinanza superior na actualidade: a aliñación coas ambicións da Unión das Competencias, o papel das universidades na competitividade europea, os consorcios de universidades en tempos de incerteza global, a liberdade académica, a seguridade na investigación e o poder da colaboración dentro e fóra de EUniWell. 

O reitor da USC, Antonio López Díaz, asegura que “acoller a Asemblea de Reitores e Reitoras de EUniWell en Santiago de Compostela é unha honra e un poderoso recordatorio do papel transformador das universidades. Xuntos estamos a tender pontes entre o mundo académico, a industria e a sociedade”. Un encontro que, engade, será “un espazo de reflexión colectiva, un foro para o intercambio de ideas e un motor para fortalecer a colaboración entre institucións comprometidas co benestar social”.

Durante este evento, representantes do Paquete de Traballo 8 (WP8), dedicado á investigación, innovación e emprendemento responsables e que a USC lidera no marco do proxecto EUniWell-Weff da Alianza EUniWell, reuniranse tamén para abordar e explorar cuestións estratéxicas como o fomento da participación en proxectos de investigación ou a posibilidade de crear programas de doutoramento conxuntos.

En paralelo á Asemblea de Reitores e Reitoras, a USC acolle o martes 6 de maio a primeira Reunión de Institucións Asociadas de toda a Alianza. Unha xornada de intercambio que ten como obxectivo establecer unha colaboración construtiva e intersectorial, identificar sinerxías e fomentar asociacións sostibles que transcendan as fronteiras.

O encontro culminará cun acto de conmemoración do Día de Europa. O Colexio de Fonseca servirá de escenario para reafirmar os valores europeos que guían a misión de EUniWell e pechar así tres días de colaboración e diálogo entre universidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2025.