Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

Construíndo unha colaboración intersectorial polo benestar na primeira Reunión de Institucións Asociadas de EUniWell

Foto de familia do encontro. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia do encontro. FOTO: Santi Alvite
A USC senta un precedente ao reunir 16 institucións asociadas a esta alianza europea a prol do benestar

A primeira Reunión de Institucións Asociadas da Universidade Europa do Benestar (EUniWell) arrancou este martes no Centro de Estudos Avanzados da USC, no marco da oitava Asemblea de Reitores e Reitoras da Alianza. O encontro, centrado na saúde e no benestar, reúne 16 das máis de 60 institucións asociadas ao Consorcio. “Hai un ano propuxemos reunir as institucións asociadas, porque estamos convencidos de que abrir as universidades á sociedade é un dos grandes retos da Educación Superior no presente”, sinalou o Reitor Antonio López Díaz no acto de apertura. 

Na cerimonia, a directora de Desenvolvemento de EUniWell, Beatrix Busse, tamén destacou a importancia do benestar para as persoas, a sociedade e o mundo, sobre todo nun contexto global incerto, así como a relevancia “das universidades e, en especial, das alianzas europeas para implicarse máis aló do ámbito académico”.

Nesta primeira reunión, representantes institucionais, hospitais, empresas e organizacións públicas e privadas de distintos países xúntanse co propósito de establecer un diálogo construtivo entre EUniWell e as institucións asociadas, identificar sinerxías e sentar as bases para unha colaboración sostible e a longo prazo que transcenda o ámbito local e as propias universidades membro.

Este encontro, promovido pola USC, establece un precedente e senta as bases para reforzar a cooperación con representantes de todos os sectores da sociedade e maximizar colectivamente o impacto da Alianza no benestar ao longo de diversos territorios. 

Asemblea e Día de Europa 

A oitava Asemblea de Reitores e Reitoras comezará o mércores ás 9.30 horas, e culminará, ás 13.00 horas, no Colexio de Fonseca cun acto de celebración do Día de Europa. Unha conmemoración para reafirmar os valores europeos que guían a misión da Alianza EUniWell e pechar tres días de diálogo e colaboración entre universidades.

A xuntanza tivo lugar no CEA. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza tivo lugar no CEA. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.05.2025.