A Comisión de Normalización Lingüística da EPSE dálle a benvida ao curso 24-25 organizando unha camiñada por este concello rural, rico en patrimonio natural e histórico.
A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) dálle a benvida ao curso 24-25 organizando unha camiñada polo concello de Láncara o 28 de outubro. "Desta vez os nosos pés andarán cara ao sur, ata Láncara, un concello rural da meseta lucense rico en patrimonio natural e histórico", explican. "Pero ademais de percorrelo e achegarnos a algún dos seus monumentos máis característicos, coma a casa natal de Ángel Castro (hoxe Centro de Interpretación da Emigración Galega) ou a ponte de Carracedo, visitaremos tamén un lugar moi especial: a Casa de Vázquez", engaden.
Trátase dunha casa de labranza histórica, da que constan rexistros desde o século XIX, e que hoxe en día segue funcionando como unidade agrogandeira, centrada na produción ecolóxica de carne e de mazá para sidra. "María, Marcos e Brais, os seus actuais propietarios, amosarannos a explotación e contarannos a súa evolución, que representa a pequena escala a da agricultura galega", explican.
Alí podererán visitar tamén o Muvicla (Museo Vivo do Campo e a Locomoción Agraria), o único espazo dedicado integramente á maquinaria agrícola que existe en Galicia.
O programa detallado da viaxe é o seguinte:
- 09:30 Saída de Lugo
- 10:00 Chegada á Casa de Vazquez. Visita á granxa e ao Muvicla
- 12:30 Visita á Casa Museo Ángel Castro e Centro de Interpretación da Emigración Galega
- 14:00 Comida
- 16:00 Camiñada polo patrimonio de Láncara. Visita a Ponte de Carracedo
- 18:30 Volta a Lugo
As persoas intresadas deben enviar unha mensaxe electrónica ao enderezo anaisabel.garcia [at] usc.gal (anaisabel[dot]garcia[at]usc[dot]gal), indicando os seus datos e a súa vinculación coa USC e poñendo no asunto "Inscrición camiñada Láncara 2024".