O secretario Xeral de Función Pública, Javier Rueda, conduce este mércores unha xornada de captación de talento para o acceso ao corpo superior das administracións civís, así como para postos de xestión que poden desenvolver veterinarios e enxeñeiros agrónomos
A Administración Xeral do Estado busca talento mozo entre os estudantes e titulados universitarios do Campus de Lugo da USC a través dunha xornada telemática que se desenvolverá o mércores 16 de decembro, a partir das 11.00 horas, e cuxos relatores convidados tratarán cuestións ligadas ao acceso o Corpo Superior da Administración Civil, así como os postos que poden desenvolver as persoas tituladas en Veterinaria ou enxeñaría agrónoma nas escalas de técnicos superiores das áreas de Sanidade ou, entre outras, Consumo.
O secretario Xeral de Función Pública, Javier Rueda Vázquez, será o encargado de ofrecer a benvida a todas as persoas que participen neste foro virtual, que se poderá seguir en liña a través desta ligazón. A vicerreitoras de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo, e de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, tamén intervirán na sesión inaugural dunha xornada que pretende facer visible as oportunidades de emprego que depara a función pública, ademais de captar e atraer o talento da mocidade universitaria cara a administración pública.
Achegar e dar a coñecer as posibilidades de traballo ofrecen as diversas administracións públicas e garantir a suficiente incorporación de persoas ao sector público para favorecer así prestación de servizos, constitúen dous dos obxectivos desta sesión aberta á participación de todos os estudantes e titulados en calquera dos graos e máster impartidos pola USC.
Programa de relatorios
Teresa Martínez de Marigorta Tejera, da Dirección Xeral de Función Pública, abrirá a quenda de intervencións cunha exposición sobre o Corpo Superior de Administracións Civís do Estado. De seguido, María Luisa Vinader Marquina abordará os cometidos que poden desenvolver as persoas tituladas en Veterinaria na escala técnica de xestión das áreas de Sanidade e Consumo. Asemade, a enxeñeira agrónoma Elena Ulloa Calvo pechará a quenda de relatorios cunha exposición sobre a Enxeñaría Agrónoma na escala de titulados superiores do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía.