Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

Veterinaria, na vangarda da comunicación química

Paula Rodríguez Villamayor, á esquerda, e Pablo Sánchez Quinteiro, na Facultade de Veterinaria
Paula Rodríguez Villamayor e Pablo Sánchez Quinteiro, na Facultade de Veterinaria
Un estudo dos órganos sensoriais das feromonas do coello publicado en ‘Brain, Structure and Function’ sitúa a USC na cima da anatomía morfolóxica
Lugo

A publicación dun estudo morfolóxico, inmunohistoquímico e morfométrico do bulbo olfativo accesorio (BOA) dos coellos, tal e como se coñece a área do cerebro responsable de procesar a información captada polo órgano vomeronasal (OVN), a través do que os individuos desta especie captan e detectan as feromonas, na revista ‘Brain, Structure and Function’, a publicación científica máis prestixiosa do mundo no campo da anatomía e a morfoloxía, sitúa a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC no cúspide desta liña de investigación.

Este traballo, desenvolvido fundamentalmente polo profesor da área de Anatomía da USC na Facultade de Veterinaria Pablo Sánchez Quinteiro e a investigadora de doutoramento Paula Rodríguez Villamayor, e no que tamén colaboran os profesores da USC José Manuel Cifuentes, Luis Quintela e Ramiro Barcia, dá continuidade ao traballo sobre o órgano vomeronasal dos coellos publicado en 2018 por estes dous investigadores da USC, ao tempo que proba o crecente o interese espertado polo estudo da comunicación química e o cometido que desenvolve na cunicultura logo do descubrimento da súa feromona mamaria, a responsable de que as crías atopen a teta da nai e comecen o acto reflexo da succión.

Este interese inicial polo estudo das feromonas, sinais químicos intraespecíficos que modulan a fisioloxía da reprodución e o comportamento social e sexual dos animais e que incluso poderían ser chave para explicar algunhas das condutas animais e mesmo humanas non controladas polo cerebro, acada se cabe máis importancia por abrir novas posibilidades para mellorar o benestar animal, así como outros parámetros produtivos e reprodutivos nas granxas de coellos.

Estas expectativas alimentan tamén a liña de traballo de Sánchez Quinteiro e Paula Rodríguez Villamayor, que, no artigo que veñen de publicar este mes en Brain, Structure and Function, salientan o alto grao de sofisticación que presenta o bulbo olfativo do coello, un aspecto que constata o importante cometido que desenvolven as feromonas no caso desta especie. Asemade, as últimas pescudas realizadas por estes investigadores da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC demostran a expresión das dúas familias de receptores vomeronasais que se coñecen, o que só sucede nun pequeno grupo de mamíferos, apuntan.

A metodoloxía da investigación que deu pé ao artigo ‘Structural, morphometric and immunohistochemical study of the rabbit accessory olfactory bulb’ abrangue tanto a macro e a microdisección do órgano como un amplo número de marcadores e tincións histolóxicas. Complementa estas achegas un debuxo artístico do bulbo olfativo accesorio do coello, obra de Alejandro García, exalumno da Facultade de Veterinaria da USC.

De xeito adicional, os autores desta publicación científica destacan o descubrimento de catro enigmáticos núcleos nerviosos únicos en relación coa bulbo olfativo accesorio do coello e que só previamente foran descritos de xeito parcial por catro investigadores que traballaban noutras especies nas que a comunicación química se antolla menos desenvolvida.

 

Debuxo do bulbo olfativo accesorio do coello realizado por Alejandro García
Debuxo do bulbo olfativo accesorio do coello realizado por Alejandro García
Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.01.2020.