Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

A RAGC premia un traballo da USC que usa a nanotecnoloxía para frear a metástase no cancro de colon

De dereita a esquerda, Alejandro Sánchez, Inés Fernández e Íker Badiola. Foto: RAGC
De dereita a esquerda, Alejandro Sánchez, Inés Fernández e Íker Badiola. Foto: RAGC

Investigadores da Universidade de Santiago lideran o traballo científico que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaba de distinguir co Premio de Investigación Ernesto Viéitez 2018 e que propón o uso de nanopartículas para aplicar terapias diana capaces de frear a metástase do cancro de colon no fígado. O equipo da USC conta ademais coa colaboración de científicos vascos, franceses e alemáns.

Na categoría de investigadores mozos, o premio foi para un enxeñeiro informático da Universidade da Coruña que achega unha solución capaz de facilitar o traballo dos programadores na resolución de problemas científicos de gran envergadura a través da computación avanzada. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo sétima edición, entregaranse o 23 de xaneiro en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da institución. Os galardóns levan o nome Premios de Investigación, na honra do anterior presidente da institución.

Nanopartículas para terapias diana Liderado polos investigadores da USC Alejandro Sánchez Barreiro e Inés Fernández Piñeiro, o proxecto gañador propón o uso de nanobiotecnoloxía para deseñar terapias diana capaces de reducir a metástase do cancro de colon no fígado ata nun 80%. A investigación foi publicada este ano na revista International Journal of Cancer, de referencia no ámbito da oncoloxía.

A metástase é o proceso polo que un tumor que aparece nun órgano migra a outro e o coloniza. No caso do cancro colorrectal, o terceiro máis común no mundo, o fígado corre un risco especial de ser infectado polas células tumorais desprendidas do intestino. No proceso de colonización, o cancro provoca a creación de novos vasos sanguíneos no fígado para surtir as células malignas dos recursos necesarios para crecer. Ese proceso de formación de vasos sanguíneos denomínase anxioxénese e é levado a cabo polas células endoteliais, que neste caso ven alterada a súa función normal en organismos sans para favorecer a proliferación do cancro.

A terapia experimental gañadora do premio da RAGC, testada xa in vivo, baséase no uso de nanopartículas para frear o crecemento dos vasos sanguíneos que chegan ás células tumorais de maneira que se reduce a subministración de osíxeno e alimentos a esas células. Estas nanopartículas, patentadas recentemente nos Estados Unidos e para as que se agarda a concesión en Europa, son capaces de viaxar ao lugar exacto onde precisan ser administradas, é dicir, funcionan como vehículos de terapias diana. Neste caso, van cargadas de moléculas denominadas miR-20a, capaces de restablecer a función normal das células endoteliais para que deixen de contribuír en gran medida á proliferación do cancro no fígado.

O equipo galardoado co premio, dotado con 6.000 euros, integra científicos do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC; do grupo Signaling Lab da Universidade do País Vasco; do Instituto de Investigación Sanitaria Biodonostia; do Centro de Investigacións Médico-Biolóxicas da Universidade de Düsseldorf (Alemaña); e do Instituto Nacional de Saúde e Investigación Médica de Francia (INSERM).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.01.2019.