Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

O profesor Sebastián Villasante, novo membro da Comisión da Terra

O profesor Villasante, na sede do CRETUS
O profesor Villasante, na sede do CRETUS
A súa incorporación supón a inclusión dos sistemas mariños como novo marco de estudo desta entidade, ata o de agora só centrada nos límites terrestres e fluviais

A Universidade de Santiago terá presenza na Comisión da Terra logo da designación como membro desta prestixiosa entidade do profesor Sebastian Villasante, que se suma así a un grupo internacional de máis de 60 científicos sociais e naturais que traballan en establecer os chamados Límites Planetarios Seguros e Xustos, uns limiares apoiados pola ciencia máis aló dos que a resiliencia da biosfera se ve comprometida.

O estudo destes especialistas sobre “os espazos operativos seguros para a Humanidade” está coordinado desde a súa secretaría científica por Future Earth, a rede de persoal experto en desenvolvemento sostible máis grande do mundo. A achega do profesor Villasante revestirá grande importancia científica xa que será a primeira vez que se inclúan neste marco de estudo os sistemas mariños (ata o de agora a Earth Comissión só se centrara nos límites terrestres e fluviais).

Investigador distinguido do Programa GAIN e director de EqualSea Lab do CRETUS da USC, a presenza de Villasante podería significar unha reformulación dos actuais límites estimados e conducir a unha comprensión máis robusta e precisa da saúde do Planeta e dos efectos das actividades que pertencen á Economía Azul.

Ao igual que a expansión a grande escala da agricultura durante a era da revolución preindustrial, o século XXI caracterízase pola expansión das actividades oceánicas impulsadas por varios sectores económicos clave como o transporte marítimo, as enerxías renovables, a acuicultura, o turismo costeiro, a biotecnoloxía mariña e a minería dos fondos mariños. Non obstante, asegura o investigador, “os beneficios que xeran os océanos non se están repartindo de forma equitativa”.

Así mesmo, a creación das Áreas Mariñas Protexidas (AMPs) en gran medida supuxo a separación dos pescadores artesanais, comunidades costeiras e pobos indíxenas costeiros daquelas zonas de recursos que historicamente empregaron, das que dependeron e que xestionaron, “socavando así os seus dereitos, medios de vida, seguridade alimentaria e benestar”, afirma.

Neste contexto, a determinación duns Límites Planetarios Seguros e Xustos para o medio mariño resultará vital para minimizar a súa degradación e, en consecuencia, os efectos asociados sobre a saúde humana a través do cambio climático ou a contaminación, pero ademais contribuirá a salvagardar os dereitos de acceso das persoas aos océanos, os seus recursos mariños e servizos ambientais así como a garantir uns medios de vida e benestar dignos, especialmente para os grupos máis vulnerables.

Sobre a Comisión da Terra
A Comisión da Terra é a pedra angular científica da Alianza para os Bens Comúns Mundiais, unha coalición crecente de persoal científico, filántropos, grupos da sociedade civil, empresas e innovadores que permite a acción colectiva para salvagardar os bens comúns mundiais, cuxo obxectivo é transformar os nosos sistemas económicos para garantir que a Terra continúe a ser habitable.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.10.2024.