Os Monográficos Iacobus VII trasládanse esta semana ao Museo de Pontevedra
O Museo de Pontevedra será este mércores 17 e o xoves 18 a sede do ciclo de conferencias ‘Monográficos Iacobus VII. Encontros coas coleccións do Museo de Pontevedra’, organizado conxuntamente polo Grupo de Investigación Iacobus ‘Proxectos e estudos sobre Patrimonio Cultural da Universidade de Santiago de Compostela’ e o Museo de Pontevedr..
Os Monográficos Iacobus, cursos que abordan a historia da arte e do patrimonio cultural galego desde diversas perspectivas, nacen co propósito de estreitar os vínculos entre a investigación desenvolvida na universidade e as institucións museísticas galegas e achegarlle este coñecemento ao conxunto da sociedade. O seu formato combina dúas partes. En primeiro lugar, un ciclo de conferencias, no que investigadoras e investigadores da USC e profesionais do ámbito museístico abordan de maneira monográfica a obra dunha ou dun artista ou peza presente na colección do museo. Unha segunda parte dedícase ao encontro directo coas obras, na que as persoas relatoras afondan na súa explicación tendo a materialidade dos obxectos diante. Esta formulación favorece unha relación máis inmediata coas pezas e ofrécelle ao público unha comprensión máis completa das producións artísticas.
Esta sétima edición concíbese, ademais, como unha homenaxe ao profesor Ramón Yzquierdo Perrín, cuxo recente falecemento deixou unha profunda pegada en todas as persoas que traballan no campo da historia da arte. Mestre, compañeiro e referente na investigación, o seu legado intelectual seguirá orientando as futuras xeracións de historiadoras e historiadores da arte en Galicia. A el se dedica este ciclo de conferencias, en recoñecemento á súa traxectoria e ao seu labor.