Ir o contido principal

Miguel Túñez, Investigador do Ano no XVII Congreso Internacional da Revista Latina de Comunicación Social

Miguel Túñez
Miguel Túñez
O xurado salienta a súa produción académica amplamente citada e unha dedicación constante á análise da innovación e da intelixencia artificial no ámbito da comunicación
Santiago de Compostela

O profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación e investigador do Grupo Novos Medios, Miguel Túñez López, recibiu o premio a Investigador do Ano no XVII Congreso Internacional da Revista Latina de Comunicación Social, unha das publicacións científicas máis relevantes da área de Comunicación indexada nos primeiros cuartís de Scopus e de JCR.

O xurado salienta o seu liderado científico, cunha produción académica amplamente citada e unha dedicación constante á análise da innovación e da intelixencia artificial no ámbito da comunicación.

Director da Cátedra Institucional RTVE–USC sobre Medios de Servicio Público en Europa, o premio pon en valor o traballo investigador de Miguel Túñez, centrado nos últimos anos na transformación dos PSM diante do actual ecosistema de plataformas.  Así, Revista Latina de Comunicación destacou a súa achega como investigador principal de diversos proxectos competitivos, contribuíndo na creación de modelos de referencia en España para a xestión e a avaliación do valor público.

O galardón forma parte dos oito premios anuais cos que a publicación honra o talento, a perseveranza e a dedicación de profesionais e persoal investigador no ámbito das Ciencias da Comunicación.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2025.