Ir o contido principal

O equipo EUniWell da USC remata o ano cun balance de traballo moi positivo

Representantes da USC nos paquetes e grupos de traballo de EUniWell mantiveron unha xuntanza de resultados
Representantes da USC nos paquetes e grupos de traballo de EUniWell mantiveron unha xuntanza de resultados
Representantes da USC nos paquetes e grupos de traballo de EUniWell mantiveron unha xuntanza de resultados

O equipo da Alianza EUniWell na USC reuniuse recentemente para facer balance do último ano de traballo do proxecto EUniWell-WeFF, así como para definir as accións prioritarias para o seguinte período. Nesa xuntanza, a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, agradeceulle o seu traballo e destacou que ese “esforzo conxunto e colaborativo é o que permite que un proxecto institucional destas dimensións funcione”.

Entre o máis destacado sinala o labor do Paquete de Traballo 8 (WP8) sobre ‘Investigación, Innovación e Emprendemento Responsables’, que coordina a propia USC e que neste tempo puxo en marcha o primeiro Simposio do Centre for Advanced Studies (CAS) de EUniWell e o EUniWell Champions Scheme, unha iniciativa que permite que persoal investigador sénior das universidades do consorcio asuma un rol de liderado na promoción da misión da Alianza. Na primeira convocatoria seleccionáronse oito investigadores, entre os que se atopa Azucena Mora, catedrática de Microbioloxía na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, que no vindeiro ano desenvolverá un plan de acción centrado no concepto de One Health.

Ademais, o equipo pon en valor as altas taxas de participación do estudantado da USC no Catálogo de Cursos e Formacións de EUniWell, unha notable implicación do persoal da USC na proposta e desenvolvemento de cursos para dito Catálogo e a ampla participación da comunidade universitaria nas convocatorias Seed Funding.

Tamén se ofertaron dúas charlas Open Lecture Series impartidas por profesorado de Historia e Dereito e lanzouse un curso combinado BIP (Blended intensive programme) titulado ‘Career Development Support for PhD Students in a Well-Being Environment’, que se desenvolverá en xaneiro de 2026. Ademais, a USC acolleu en maio deste ano a oitava Asemblea de Reitores e Reitoras e a primeira Reunión de Institucións Asociadas da Alianza EUniWell.

Foto de grupo do equipo EUniWell da USC
Foto de grupo do equipo EUniWell da USC
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2025.