Dous traballos sobre o ictus, premiados nun foro internacional sobre neuroloxía
Dous traballos da USC foron recoñecidos no marco do trixésimo segundo Congreso Anual da Sociedade Española de Enfermaría Neurolóxica (SEDENE) e o oitavo Congreso Internacional de Enfermaría Neurolóxica, que tivo lugar en Sevilla. Os profesores da USC Lourdes Bermello, da Escola Universitaria de Enfermaría do Campus de Lugo, e Rubén Pego da Facultade de Enfermaría do Campus de Santiago lideran o equipo de investigación.
‘Análise do estado cognitivo e da sintomatoloxía de depresión en pacientes con ictus isquémico ou accidente isquémico transitorio. Un estudo piloto’ foi galardoado co Segundo Premio do Comité Científico. O traballo analiza a relación entre os déficits cognitivos e os síntomas depresivos en pacientes con ictus e accidentes isquémicos transitorios. O comité destacou a relevancia de valorar o impacto emocional nestes pacientes e subliñou a colaboración de Carlota Touza, estudante de Enfermaría, que desenvolveu parte do proxecto como o seu Traballo de Fin de Grao.
Doutra banda, ‘Código ictus intrahospitalario’, galardoado co Primeiro Premio do Público, é un póster no que se resalta o papel crucial da enfermaría na detección precoz e na activación do Código Ictus dentro do hospital. A intervención rápida e efectiva minimiza os danos neurolóxicos nos pacientes, consolidando a importancia dos protocolos baseados en evidencia.
Neste foro, tamén se presentou o traballo ‘Calidade de vida relacionada coa saúde en persoas con esclerose múltiple recorrente-remitente. Un estudo observacional prospectivo’, no que se explora como a educación sanitaria liderada pola enfermaría pode mellorar a calidade de vida das persoas con esclerose múltiple recorrente-remitente, destacando a importancia dun enfoque integral e baseado na evidencia nos coidados neurolóxicos.
A Unidade de Neuroloxía do HULA foi recoñecida tamén coa Categoría Diamante nos Premios Angels da European Stroke Organization (ESO), sendo o único hospital en Galicia en recibir este galardón.