Diego Pérez Álvarez, o estudante mellor valorado nas prácticas externas do Consello Social
O estudante do Grao en Enxeñaría Informática Diego Pérez Álvarez recolleu este xoves da man da presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra Rey, o premio por ter conseguido a mellor valoración nas prácticas externas extracurriculares deste órgano de goberno universitario.
Diego Pérez, que consegue así os 1.500 euros do galardón, desenvolveu as súas prácticas no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CITIUS) entre abril e setembro deste ano. “O equipo do CiTIUS tratoume moi ben en todo momento e deume a oportunidade de explorar aquelas tarefas que se aliñaban máis cos meus intereses, axudándome a iniciarme no mundo da investigación”, explicou no acto.
A motivación principal para realizar estas prácticas foi para Diego Pérez “a propia oportunidade de aprendizaxe e experiencia que isto supuña, polo que recibir este premio foi unha sorpresa, que agradezo porque é un impulso para seguir traballando tanto dentro como fóra da universidade”.
Da súa experiencia xa rematada conclúe que lle permitiu “ampliar os meus horizontes e descubrir a variedade de traballos que se poden desenvolver no meu campo, máis aló do propio traballo da carreira”. É por iso que recomenda a todas as persoas interesadas que realicen as prácticas do Consello Social, “xa que son unha gran oportunidade para ter unha primeira aproximación ao ámbito profesional ou descubrir novos e interesantes ámbitos de traballo”.