A catedrática de Farmacoloxía da USC Mabel Loza gaña o Premio Wonenburger
A catedrática de Farmacoloxía e responsable do grupo de investigación BioFarma da USC, Mabel Loza, acaba de ser recoñecida co premio Wonenburger 2019 concedido pola Unidade da Muller e Ciencia da Xunta de Galicia.
Patroa fundadora e codirectora científica da Fundación Kærtor xunto co tamén profesor da USC Ángel Carracedo, Mabel Loza conta cunha activa participación en programas públicos e privados no ámbito do descubrimento temperán de fármacos no eido español e europeo. Ademais, foi investigadora en máis de cen proxectos de investigación, en 89 como investigadora principal. Participou en diferentes candidaturas a fármacos que chegaron a ensaios clínicos en pacientes, dentro de programas de transferencia de I+D coa industria farmacéutica.
É autora de diversos libros e capítulos de libros, así como de 162 artigos en revistas indexadas no Journal Citation Report. Supervisou 23 teses de doutoramento coa cualificación máis alta, e 90 traballos de investigación de posgrao. Tamén é revisora de varias revistas nas áreas de farmacoloxía, química médica e descubrimento de fármacos.
Loza participa activamente no desenvolvemento de redes e novos modelos de innovación aberta no descubrimento temperán de medicamentos e é coordinadora da Rede Galega de Descubrimento de Fármacos e a Rede de Excelencia Española de Descubrimento de Fármacos. Ademais representa ao nodo da USC na Rede Europea de Infraestruturas de Screening EU- Openscreen ESFRI / ERIC. Mabel Loza coordina tamén a Unidade Mixta USC-Esteve para o desenvolvemento de novos medicamentos no campo da dor crónica. Como empresaria, promoveu a fundación das compañías Pharmatools Dixital Interactive SL, Allelyus e Oncostellae.
Galardón consolidado
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu este mércores o Pleno da Unidade da Muller e Ciencia, onde se acordou conceder o premio. Este órgano creouse co obxectivo de incrementar a presenza da muller nos ámbitos científico e tecnolóxico de Galicia e de situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica. Entre outras iniciativas, instaurou o premio María Josefa Wonenburger para resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, baixo un nome que pretende ser unha homenaxe á figura da matemática coruñesa.
Nas anteriores edicións foron sucesivamente distinguidas co premio Wonenburger Inmaculada Paz Andrade, Teresa Miras Portugal, María Soledad Soengas, Carmen Navarro, Ofelia Rey, Tarsy Carballas, María José Alonso, Carmen García Mateo, Isabel Aguirre de Úrcola, Peregrina Quintela, Begoña Vila Costas e Alicia Estévez.