Ir o contido principal

Bota a andar unha nova edición da Agrobiodiversity Summer School

A Summer School combina unha fase preparatoria e unha estadía intensiva de dez días. Imaxe de arquivo da Agrobiodiversity Summer School en Alemañá no ano 2025. FOTO: ZHAW
A Summer School combina unha fase preparatoria e unha estadía intensiva de dez días. Imaxe de arquivo da Agrobiodiversity Summer School en Alemañá no ano 2025. FOTO: ZHAW
Ata o 28 de febreiro é posible inscribirse neste curso de verán organizado polo CISPAC, a Zurich University of Applied Sciences e o Research Institute of Organic Agriculture
Lugo, Santiago de Compostela

A Agrobiodiversity Summer School permitirá un ano máis afondar na agrobiodiversidade e nos sistemas alimentarios resilientes con estudantes de toda Europa. Este curso de verán está organizado polo Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), do que a USC forma parte, en colaboración coa Zurich University of Applied Sciences (ZHAW) e o Research Institute of Organic Agriculture (FiBL). O prazo de inscrición está aberto ata o 28 de febreiro de 2026 a través dun formulario en liña

O curso que se desenvolverá do 2 ao 12 de setembro de 2026 en Galicia, permitirá que o estudantado profunde na paisaxe galega, así como na súa diversidade de agroecosistemas e formas de vida. “Esta interacción única entre persoas, natureza e sistemas de produción fan de Galicia un lugar inspirador para explorar ideas de sustentabilidade con visión de futuro”, destacan dende o CISPAC.

A iniciativa diríxese principalmente a estudantado de mestrado das áreas de ciencias agrarias, medio ambiente, sistemas alimentarios, tecnoloxías de procesado, desenvolvemento rural ou sustentabilidade. A participación está limitada a 30 prazas e restrinxida a estudantes procedentes —ou matriculados— nun amplo número de países europeos. A selección realizarase a finais de marzo de 2026.

A Summer School combina unha fase preparatoria e unha estadía intensiva de dez días. Entre abril e setembro de 2026, o estudantado desenvolverá un mini caso de estudo sobre agrobiodiversidade no seu país ou lugar de estudo. Durante a semana presencial en Galicia presentaranse estes traballos, visitaranse casos de estudo en diferentes rexións galegas e desenvolveranse proxectos en grupo. A superación das actividades permitirá obter 6 ECTS.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.01.2026.