Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

Ángel Carracedo, premio Traxectoria Científica en Investigación Biomédica no marco dos galardóns ‘Constantes y Vitales’

O profesor Ángel Carracedo recibe o premio ‘Constantes y Vitales’ 2019 de mans da Secretaria de Estado, Ángeles Caballero. Imaxe cortesía de La Sexta
O profesor Ángel Carracedo recibe o premio ‘Constantes y Vitales’ 2019 de mans da Secretaria de Estado, Ángeles Caballero. Imaxe cortesía de La Sexta
O catedrático da USC acaba de recoller este recoñecemento promovido a nivel estatal pola cadea de televisión La Sexta en colaboración coa Fundación AXA

O catedrático e investigador principal do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) Ángel Carracedo acaba de recibir un dos catro premios ‘Constantes y Vitales’ 2019, un recoñecemento promovido anualmente a nivel estatal pola cadea de televisión La Sexta en colaboración coa Fundación AXA. Os responsables do galardón distinguiron nesta ocasión o conxunto da súa carreira co premio Traxectoria científica en Investigación biomédica, que recoñece a traxectoria global de científicos españois no ámbito no que desenvolvesen a meirande parte da súa carreira en España.

Ángel Carracedo dirixe o grupo Genomics and Bioinformatics no CiMUS e coordina o labor do Grupo de Medicina Xenómica, primeiro a nivel mundial en número de citas na área da Medicina forense no decenio 2001-2011. Na actualidade atópase entre os autores máis citados en Bioloxía Molecular, cunha media superior ás 2000 citas por ano. O Grupo de Medicina Xenómica está formado por preto de 100 persoas e traballa na actualidade en dez liñas de investigación, ademais de varias plataformas tecnolóxicas. As súas principais áreas de traballo inclúen a xenética do cancro, a farmacoxenómica ou as enfermidades psiquiátricas en idade infantil.

Currículo

Ao longo da súa traxectoria profesional, o profesor Carracedo publicou 12 libros e 550 artigos en revistas internacionais de prestixio como Nature, Science ou Nature Genetics, ademais das principais revistas de xenética médica, cancro e Medicina forense.

Asemade, recibiu numerosos premios, entre os que destacan a Medalla de Ouro e Prata de Galicia, o Premio Rei Jaume I de investigación, a Medalla Adelaide (a distinción máis importante a nivel mundial en Medicina Forense), a Medalla Galien (coñecido como “o Premio Nobel” do Medicamento), o Premio Nacional de Xenética, o premio Prismas de divulgación, o Premio Galicia de Investigación, a Medalla Castelao e o Premio Novoa Santos. O profesor Carracedo é tamén doutor honoris causa por varias universidades de Europa e América.

Por terceira vez, un investigador do CiMUS foi recoñecido nestes galardóns, tralos dous premios ‘Joven talento en investigación biomédica’ obtidos previamente polos IPs do centro Rubén Nogueiras (2018) e Miguel López (2016).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2019.