Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

280 estudantes de toda Galicia reúnense na USC para coñecer os últimos avances sobre células nai

Centos de estudantes de secundaria asistiron á xornada
Centos de estudantes de secundaria asistiron á xornada
O grupo de Neurobioloxía Celular e molecular da enfermidade do Parkinson do CiMUS da USC organiza a Xornada Internacional Unistem Day

O Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, liderado polo catedrático José Luis Labandeira, organizou este venres na Facultade de Psicoloxía a xornada Unistem Day 2025, o evento internacional máis importante de divulgación sobre células nai e terapia celular, promovido pola Università degli Studi di Milano.

O obxectivo do encontro é achegar a ciencia a novo estudantado e espertar o seu interese e vocación pola investigación nunha contorna participativa e dinámica. Deste xeito, a Facultade de Psicoloxía de Santiago reuniu preto de 300 estudantes e profesorado procedentes dos centros educativos IES Rosalía de Castro, Colegio M. Peleteiro, Colegio Compañía de María, IES Xelmírez I, IES Xelmírez II e IES Pontepedriña, de Santiago, o IES Manuel García Barros de A Estrada e o IES Francisco Aguiar de Betanzos.

A xornada inaugurouse nun acto que contou coa presenza da vicerreitora de Política Científica da USC, María Pilar Bermejo Barrera; a decana da Facultade de Psicoloxía, María José Sampedro Vizcaya; e o co director do CiMUS e investigador principal del grupo organizador, José Luis Labandeira.

Unistem Day 2025 inclúe charlas impartidas por persoal docente e investigador da USC que abordan os últimos avances no campo das células nai e a terapia celular. Entre elas, ‘Células nai, o Lego® da vida: poñemos a primeira peza, de Carmen Díaz e Begoña Villar; ‘Reprogramando células, rexenerando tecidos: o futuro da medicina’, de Pablo Garrido, Rita Valenzuela, Mateo Vázquez e Laura Camacho; ‘Do laboratorio ao cerebro: Como se poden usar as células nai?’, de Ana M. Muñoz, Juan A. Parga, Lucía A. García e Jannette Rodríguez; e ‘Desenmascarando o mundo das células nai’, por Alicia Costa e Andrea López.

Ademais, desenvolven xogos interactivos conducidos por Laura Camacho, Lucía A. García, Mateo Vázquez, Cristina Gianzo, Pilar Aldrey e Iria Novoa, coa colaboración de CASIO División Educativa, Principia e CiMUS. Este ano, como novidade, incluirase a charla ‘Descubrindo o método: Así investigamos!”, impartida por Ana I. Rodríguez.

O evento conta co patrocinio de diversas entidades e empresas comprometidas coa educación e a investigación, como CiMUS, Celta Ingenieros, Cienytech, Cientisol, Casio División Educativa, Principia, Merck, Editorial Elsevier, Editorial Panamericana, Editorial La Esfera de los Libros, Domino’s Pizza, Gadis e Albarin Catering.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.03.2025.