Ir o contido principal

A Cátedra Rosalía de Castro desvela detalles inéditos e claves para o Rexurdimento sobre a estadía da autora galega en Madrid

No acto de apertura participaron o decano de Filoloxía, Elias J. Feijó Torres, e a equipa da Cátedra Rosalía de Castro integrada por Fernando Cabo Aseguinolaza e a súa directora, María do Cebreiro Rábade
No acto de apertura participaron o decano de Filoloxía, Elias J. Feijó Torres, e a equipa da Cátedra Rosalía de Castro integrada por Fernando Cabo Aseguinolaza e a súa directora, María do Cebreiro Rábade
A xornada sobre avances na biografía rosaliana reuniu especialistas de referencia que compartiron novas perspectivas sobre a vida e o contexto cultural da escritora
Santiago de Compostela

A primeira xornada ‘Avances na biografía de Rosalía de Castro’, impulsada pola Cátedra institucional da USC que leva o nome da autora galega, reuniu este xoves 11, na Facultade de Filoloxía da USC, especialistas de referencia no campo dos estudos rosalianos co obxectivo de compartir novas perspectivas biográficas sobre a vida e o contexto cultural da escritora.

Tras a apertura por parte do decano da Facultade de Filoloxía, Elias J. Feijó Torres, e a equipa da Cátedra Rosalía de Castro integrada por Fernando Cabo Aseguinolaza e a súa directora, María do Cebreiro Rábade, a xornada comezou co relatorio do profesor da USC, Luis Miguel Fernández, quen afondou na estreita relación de Rosalía coa familia Lugín Castro, unha relación que lle daría á escritora a oportunidade de viaxar a Madrid, onde casou con Manuel Murguía en 1858.

O investigador rectificou versións anteriores nas que se aseguraba que a nai de Rosalía, Teresa Castro, tería viaxado tamén á capital. O relator resaltou que a viaxe a Madrid, ademais do desexo de vivir da profesión literaria “era un xeito de resistencia na procura dun ambiente máis aberto, quizais fuxindo dunha presión ambiental como a que se ve, por exemplo, no segredo que se garda en torno ao seu nacemento en Santiago, pois os seus familiares, nai e curmáns, sempre afirman nas fichas de empadroamento, nas que se inclúe á poeta galega, que nacera en Padrón e non en Compostela”.

Pola súa parte, o estudoso e doutor en Filoloxía Galega pola UVigo, Xurxo Martínez, centrouse nas achegas referentes aos últimos anos da vida a Rosalía, desde finais de 1882 a 1885, poñendo o foco na reacción social e no que se publicou na prensa tras o coñecemento tanto da doenza que padeceu, un cancro de útero que foi agravándose, como da precaria situación económica na que viviu a escritora na súa etapa final. O investigador tamén achegou información sobre as opcións que se puxeron enriba da mesa para dignificar a súa figura e a súa obra, unha vez que Rosalía faleceu, e sobre o debate que existiu arredor da colocación do seu mausoleo. Ao parecer, nun primeiro momento ía construírse en Iria Flavia, no cemiterio de Adina onde foi enterrada antes do seu traslado a Padrón, pero finalmente instalouse en Santiago pese á oposición tanto da colectividade galega de Cuba como da veciñanza de Padrón.

Xurxo Martínez tamén botou luz sobre a verdadeira orixe do Panteón de Galegos Ilustres que moitas veces se relaciona erroneamente co traslado de Rosalía a Bonaval pero que, en realidade, tiña inicialmente o obxectivo de acoller os restos do escritor Aurelio Aguirre, aínda que finalmente foi a escritora a que o inaugurou. O filólogo pechou a súa intervención, cunha hipótese sobre as razóns que motivaron a velada en homenaxe a Rosalía de Castro organizada por Emilia Pardo Bazán no Círculo de Artesanos da Coruña, dous meses despois da morte da escritora, que acabou converténdose nun acto no que se aldraxou a súa figura e se ridiculizou a súa obra cualificándoa como ‘poesía regionalista’, restándolle todo o mérito e importancia que a autora tivo no rexurdir das letras galegas.

Rosalía, anfitrioa

Miguel Anxo Seixas Seoane, historiador e presidente da Fundación Castelao, abordou o importante papel de Rosalía como autora capaz de “chegar ás casas da cidadanía que non tiña libros nos andeis” e lamentou que a escritora ordenara destruír todos os seus documentos “deixándonos sen un só manuscrito” das súas obras, algo que “fai que cada novo achado nos pareza unha reliquia”. En contraposición, o seu marido, Manuel Murguía gardou un extenso epistolario desde que era novo, que foi estudado minuciosamente por Seixas e de cuxa atenta lectura extrae que “Rosalía tiña moita máis información da vida cultural galega do que imaxinamos grazas ao Diccionario de escritores galegos que compilou Murguía”, tarefa que o poñía en contacto con todo o ecosistema cultural da época e que convertía a casa familiar “nunha especie de centro de información” ao que a escritora tiña acceso.

Na xornada interveu tamén a profesora Dolores Vilavedra, responsable do Fondo Rosaliano María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, custodiado pola Biblioteca da USC, onde se reúnen materiais inéditos e documentos transcendentais para descifrar a historia vital de Rosalía. A este fondo débeselle o esclarecemento de aspectos cruciais para a biografía de Rosalía como a relación coa súa nai, a súa vocación de actriz ou o testamento de José Martínez Viojo, pai biolóxico da escritora, que permitiu confirmar con rigor a filiación da autora e alumeou aspectos esenciais do seu contexto familiar, económico e social.

Museo virtual da iconografía rosaliana

A directora da Cátedra, María do Cebreiro Rábade, anunciou que antes de que remate o ano está previsto que quede publicado no web da Cátedra o acceso ao Museo virtual de iconografía de Rosalía de Castro, que é o resultado do proxecto ‘Rosalía 2.0: catalogación, estudo e dixitalización da iconografía sobre Rosalía de Castro’, un traballo desenvolvido durante 2024-2025, grazas a unha bolsa de investigación en Humanidades da Deputación da Coruña, por Laura Camino Plaza.

Cedido para a súa preservación e difusión á Cátedra Rosalía de Castro da USC, este museo reúne e fai accesible material visual fundamental para comprender como se representou e conmemorou a imaxe da autora ao longo do tempo. Trátase do primeiro espazo dixital integramente dedicado á iconografía rosaliana, pensado tanto para a investigación como para a divulgación e a educación patrimonial.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2025.