Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

Máster Universitario en Saúde Pública

Modalidade
Presencial
Rama de coñecemento
Ciencias da Saúde
Centro(s)
Facultade de Medicina e Odontoloxía
Rúa de San Francisco, s/n , 15782
Santiago de Compostela
881812219 (Conserxería)
881812237 (Decanato)
medicina.decanato@usc.gal
Facultade de Medicina e Odontoloxía
Rúa Entrerríos, s/n, 15782
Santiago de Compostela
881812343 (Conserxería)
881812340 (Negociado)
odontoloxia.negociado@usc.gal
Facultade de Medicina e Odontoloxía
Rúa Choupana, s/n, 15782
Santiago de Compostela
981956183 (Conserxería)
Campus
Santiago de Compostela
Coordinador/a
Monica Perez Rios

Máster en Saúde Pública é unha denominación internacional que identifica a formación de posgrao dun profesional capaz de afrontar os problemas de saúde e os seus determinantes desde unha perspectiva poboacional; e capacita para identificar os problemas de saúde da poboación; deseñar e avaliar programas dirixidos a promover a saúde; deseñar e implementar estudos clínicos e epidemiolóxicos e avaliar a calidade dos servizos de saúde.

  • Duración: 1 ano académico
    Código RUCT: 4311783
    Número de ECTS: 60
    Número prazas: 27

    Decano/a ou director/a do centro:
    Julián Álvarez Escudero

    Coordinador-a do título:
    Monica Perez Rios

    Linguas de uso:
    Castelán, Galego

    Universidade coordinadora:
    Universidade de Santiago de Compostela

    Universidade(s) participante(s):
    Universidade de Santiago de Compostela

    Data da autorización de implantación do título pola Xunta de Galicia:
    Decreto 150/2010 de 16 de setembro (DOG 23/09/2010)

    Data de publicación no BOE:
    28/02/2011

    Data da última acreditación:
    08/07/2015

  • Créditos que debe realizar o alumno para obter o título:
    Materias Obrigatorias: 27 ECTS;
    Materias Optativas: 15 ECTS;
    Prácticas externas obrigatorias: 6 ECTS;
    Traballo Fin de Máster: 12 ECTS;
    Créditos Totais a realizar: 60 ECTS.

    Non se contemplan

  • Titulacións de Acceso:
    Licenciatura ou grao en Medicina, Farmacia, Veterinaria, Odontoloxía, Psicoloxía, Bioloxía, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Ciencias da Información e Economía. Diplomatura ou grao en Enfermaría, Mestres en Educación Infantil e Primaria, Óptica e Optometría.
    Consideraranse puntualmente graduados que puideran ter relación coa Saúde Pública.

    Criterios de selección:
    Expediente académico: 60%
    Orientación profesional ou investigadora en Saúde Pública (10%).
    Materias do seu expediente con contidos en Epidemioloxía, Medicina Preventiva e Saúde Pública (10%).
    Valoración global do currículo do solicitante (10%).
    Entrevista (10%)

    Os/as estudantes procedentes de países de língua diferente ao galego, portugués ou español deberán acreditar o nivel de língua galega: Celga II, ou española: B1, consonte ao Acordo do Consello de Goberno da USC do 28 de febreiro de 2019. De non posuíren algún dos títulos, a USC realizaralles unha proba de nivel e, de non superala, deberán asistir a un curso intensivo de galego ou español no primeiro semestre até acadaren o nivel requirido.

  • Mobilidade

    A mobilidade dos/as estudantes está regulada a través do “Regulamento de intercambios interuniversitarios”. A través da Oficina de Relacións Exteriores xestiónanse programas de intercambio tanto nacionais (SICUE), como europeos (ERASMUS) e extracomunitarios (intercambios con países de América Latina ou países de fala inglesa): Portal Internacional

    Prácticas

    A adecuada formación destes profesionais esixe a realización durante o seu proceso formativo de prácticas en unidades administrativas con funcións de saúde pública da Consellería de Sanidade e en centros e unidades de atención especializada e atención primaria do SERGAS.
    A diferente formación de base dos alumnos e a súa diferente orientación profesional dentro do amplo campo da Saúde Pública, aconsella que a formación práctica sexa máis personalizada e responda na medida do posible á orientación profesional que o alumno prefira.
    Para ese efecto, o alumno elaborará de acordo co seu titor, e propoñerá á Comisión Académica do Master, coa antelación suficiente, un programa de prácticas acorde coa súa formación de base e orientación profesional futura dentro do campo da Saúde Pública, seleccionando os contidos entre os que se ofertan. O devandito programa de prácticas debe ser aprobado pola Comisión Académica do Master que poderá realizar as modificacións que considere oportunas, tras o cal asignaráselle o /os lugares onde realizará as prácticas.
    Comprende unha avaliación continuada e unha avaliación final. A avaliación continuada será realizada polo titor académico durante o tempo de realización das mesmas. Ao finalizar as prácticas, para a avaliación final, o alumno debe presentar unha Memoria de prácticas na que detalle todas as actividades realizadas. Dita Memoria debe levar o visto bó do Titor. A avaliación final será realizada por unha Comisión nomeada pola Comisión Académica do Master, que estará integrada por tres profesores do Master entre os que estará o Coordinador de prácticas e o Titor académico. Na avaliación final terase en conta o informe do titor académico sobre a avaliación continuada así como a memoria presentada polo alumno.
    Entre os contidos das prácticas temos: vixilancia epidemiolóxica, control das enfermidades transmisibles, seguridade alimentaria, sanidade ambiental, estilos de vida saudables, promoción da saúde, educación para a saúde, inspección sanitaria e laboratorios de saúde pública, etc.
    O Director do Master nomeará entre os membros do equipo de dirección ao Coordinador de Prácticas. A súa misión será coordinar todo o proceso de prácticas nas institucións sanitarias; participar na asignación de titores de prácticas, e coordinar o seguimento e avaliación das prácticas desde o punto de vista académico. Así mesmo será o responsable de asinar as actas de prácticas externas conforme aos criterios de avaliación que se fixen e de acordo co procedemento de avaliación xa establecido.
    Así mesmo designarase un Titor académico que será un profesor do Master, nomeado pola Comisión Académica para cada práctica ofertada, coa misión de facer un seguimento máis directo da práctica, dar resposta ás expectativas formativas establecidas, asegurar o seu correcto desenvolvemento e informar en primeira instancia sobre as memorias de prácticas entregadas polo estudante.

  • Terá unha extensión de 12 créditos. Poderá consistir nun traballo empírico relacionado con calquera das liñas de investigación que se ofertan no Máster, ou ben nunha achega eminentemente teórica, que recolla a revisión bibliográfica actualizada, exhaustiva, sistematizada e crítica sobre algún aspecto de coñecemento vinculado a estas liñas, xunto cunha proposta de investigación detallada destinada á resolución dun problema científico suscitado nese ámbito.
    O TFM consistirá nun traballo orixinal dirixido por un ou máis profesores do equipo docente. Este traballo iniciará ao alumno na investigación científica, permitíndolle adquirir as destrezas, técnicas, coñecementos sobre a materia e capacidade de análise e crítica para desenvolver un posible labor investigador.
    Este traballo inclúe tanto actividades presenciais (asistencia a sesións de autorización individual, presentación e defensa pública dos proxectos suscitados) como non presenciais (revisión bibliográfica actualizada e completa en referencia a un tema, deseño da investigación, tratamento estatístico dos datos, interpretación e discusión de resultados, elaboración de conclusións, redacción do informe final, ensaios para a defensa oral do traballo).
    No referente á avaliación, seguirase unha metodoloxía uniforme en que se valorará o rendemento e as habilidades adquiridas a través dunha combinación equilibrada entre actividades de avaliación formativa e de avaliación final. A primeira debe valorar o esforzo e o progreso na aprendizaxe, e incentivar unha dedicación constante á materia. A segunda permitirá valorar os resultados da aprendizaxe.

  • O Máster organízase desde a Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública e conta ademais con profesores de Análise Económica e Estatística, así como con profesionais da Dirección Xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública da Xunta de Galicia e técnicos do campo da intervención comunitaria.

    A Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC é referencia internacional en investigación en Saúde Pública. Está integrada no Centro de Investigación Biomédica en Rede (CIBER) desde 2006, que inclúe os grupos máis competitivos a nivel nacional. É Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia e está integrada no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), acreditado polo Instituto de Saúde Carlos III. A última avaliación deste organismo situouna en 5º lugar en Excelencia Científica entre os 43 grupos do IDIS. A Área ven colaborando con múltiples centros de prestixio como a OMS, as universidades de Harvard, Brown, Aveiro ou o Centro Nacional de Epidemioloxía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.04.2023.