- Praza da Universidade, 1, 15703Santiago de Compostela
- 881812585 (Conserxaría)
- 881812589 (Decanato)
- zhisdeca@usc.gal
A Xeografía fornece os elementos culturais indispensábeis para obter unha ampla visión da Terra, das súas realidades, dos seus problemas e dos riscos que corren os que a habitan. Pero, ademais desta ampla visión xeral, dota dunha ampla base teórica e metodolóxica, así como de técnicas e instrumentos para analizar e recomendar solucións que axuden a mitigar ou resolver os diversos problemas de base territorial.
Ante a pregunta de cales poden ser as achegas científicas da xeografía á ordenación do territorio, a resposta debe apuntar cara a unha mirada ampla e integradora sobre o espazo obxecto de ordenación e unha visión compreensiva dos compoñentes físico-naturais e socio-económicos ou culturais que existen en todo territorio.
O plan de grao, desde as súas orixes, deseñouse considerando as indicacións de varios estudos de inserción laboral, onde se constata que serán precisos profesionais especializados nas materias xeográficas, con capacidade para traballar en equipos multidisciplinares e para asesorar ou elaborar informes específicos, tanto para a empresa pública como para a empresa privada.