O Foro EQ-ETSE confirma o seu papel como plataforma de referencia para o impulso profesional do estudantado
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago acolleu este xoves unha nova edición do Foro de Empresas EQ-ETSE, unha cita que, tras cinco anos de traxectoria, demostra novamente a súa relevancia como espazo de interacción real entre o estudantado universitario e o tecido produtivo galego e estatal. Ao longo da mañá, a ETSE converteuse nun punto de encontro estratéxico onde empresas e futuros profesionais puideron intercambiar propostas, necesidades e expectativas.
A directora da ETSE, Julia González, destacou durante a inauguración do foro a importancia de “manter un diálogo constante co tecido empresarial para garantir unha formación plenamente conectada coa realidade do sector”. A participación e colaboración das empresas, tanto no propio foro coma no Consello Consultivo Externo da ETSE, é un dos aspectos “que explica os excelentes datos de empregabilidade dos titulados en Enxeñaría Química”, afirmou Julia González.
Nesta quinta edición participaron máis de vinte entidades vinculadas a ámbitos clave como a enxeñaría, a industria química, a subministración enerxética, a transformación de materiais ou a xestión hídrica. Ao foro asistiron empresas consolidadas como Repsol, Viaqua, Exlabesa, Finsa, Foresa, Idom, Reganosa, Espina y Delfín, Alcoa, Segula Technologies, Medrar, Lonza ou o Grupo Voltan. Tamén estiveron presentes os centros tecnolóxicos Aimen e Cetaqua; o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña (Coeticor); e os clúster Bioga e Viratec, que achegou perspectiva en sustentabilidade e innovación verde.
Xunto ás compañías, entidades profesionais e áreas da propia USC centradas na orientación laboral e a transferencia de coñecemento completaron unha xornada marcada polo contacto directo e a adquisición de información útil para a progresión profesional do estudantado.
Interacción continuada nos stands
No acto de benvida a directora da ETSE estivo acompañada polo subdirector da Escola, Óscar Rodríguez; o coordinador do Máster en Enxeñaría Química e Bioprocesos, Héctor Rodríguez; o director do departamento de Enxeñaría Química, Juan Garrido, e a coordinadora de prácticas do Grao en Enxeñaría Química, Gemma Eibes.
O contacto directo e constante entre as empresas e a ETSE “é clave para manter os programas formativos actualizados e aliñados coas necesidades reais do sector productivo”, afirmou Julia González. Unha circunstancia que explica os “excelentes” datos de incorporación dos titulados de Enxeñería Química ao mercado laboral. O diálogo constante coas empresas, “as prácticas de calidade e unha relación cada vez máis sólida entre universidade e empresa están detrás da rápida inserción laboral” dos egresados e egresadas, indicou a directora da ETSE.
Tras a inauguración, iniciouse o bloque de intervencións breves nas que cada organización presentou as súas principais liñas de actividade, os seus retos inmediatos e os perfís profesionais que buscan incorporar a medio e a longo prazo. Estas exposicións permitiron ao estudantado obter unha visión actualizada das demandas do sector e dos itinerarios profesionais emerxentes.
O Foro entrou despois na súa fase máis dinámica: o espazo de networking. Durante varias horas, estudantes de grao e máster en Enxeñaría Química, dos grados en Biotecnoloxía e Matemáticas e doutras titulacións da área científico-técnica da USC mantiveron conversas individuais cos responsables de selección e de equipos técnicos das empresas participantes. O intercambio de currículos, a explicación de proxectos persoais e o interese por prácticas ou primeiros empregos foron protagonistas dun fluxo constante de interaccións.
Segundo trasladaron representantes das compañías, a cita converteuse nunha oportunidade “clave para detectar perfís preparados, motivados e con capacidade de adaptación aos retos tecnolóxicos actuais”. Pola súa parte, o estudantado destacou a utilidade de poder dialogar en primeira persoa con profesionais do sector e coñecer procesos de selección reais.
Co peche desta quinta edición, o Foro EQ-ETSE confirma o seu valor como instrumento estable de cooperación entre a universidade e o tecido empresarial, favorecendo a empregabilidade, a orientación profesional e a visibilidade do estudantado formado na USC.